Compostela, 13 de abril do 2020 – Afundación en casa presenta a súa nova iniciativa sobre papiroflexia para todos os públicos. un novo xeito de pasar a coarentena facendo cousas xuntos.
Papiroflexia. La magia del papel, presentará todos os luns unha sesión co especialista Jorge Pardo. Hoxe, luns 13 de abril, a proposta consistirá en realizar unha ra.
Esta actividade consiste en sesións lúdico-formativas nas que as habilidades manuais e as matemáticas se combinan para realizar auténticas obras de arte en papel. Jorge Pardo, director da EMOZ (Escuela Museo Origami de Zaragoza) e coordinador de «Papiromates. Matemáticas + Creatividade = Papiroflexia», ensinará en apenas dous minutos a facer figuras coa técnica da papiroflexia ou origami, a través dun formato tipo vídeo titorial moi asequible para todo tipo de públicos. Tan só se necesitan eses dous minutos e un folio, para poder elaborar as pezas que non requiren tesoiras ou cola de pegar.
«Afundación en casa»
«Afundación en casa» é o novo portal web de acceso libre e gratuíto, creado a instancias de ABANCA e a súa Obra Social, no que se verte, durante esta etapa, toda a actividade que o equipo de Afundación continúa planificando e desenvolvendo desde os seus domicilios. Deste xeito, a Obra Social de ABANCA segue poñendo á disposición da cidadanía os seus proxectos culturais, sociais e formativos, mantendo o mesmo nivel de esixencia e exercendo, tamén, un labor de acompañamento telemático para usuarios +60, que desenvolven persoas voluntarias en colaboración con traballadores da entidade. Desde casa, a Obra Social de ABANCA continúa traballando para proporcionar contidos en directo e actualizacións permanentes para consolidar Afundación, tamén na súa modalidade online, como a entidade galega de referencia no seu ámbito. Cun fondo vivo, «Afundación en casa» reflicte a intensidade e calidade da programación da Obra Social de ABANCA.
O obxectivo é acompañar á sociedade no seu deber de permanecer na casa, ofrecendo múltiplas opcións mediante as que continuar formándose e crecendo dun xeito accesible e seguro. Ademais, esta iniciativa permite manter a actividade económica nos distintos ámbitos de actuación, tanto a nivel interno da entidade, como na súa relación cos seus colaboradores externos. En definitiva, a Obra Social de ABANCA, en liña cos seus compromisos estratéxicos a prol do avance social, esfórzase por apoiar á cidadanía nestes momentos excepcionais, mirando xa cara ao futuro.
Toda esta actividade, integrada por máis de 300 recursos, é facilmente accesible nos perfís das redes sociais de Afundación baixo a etiqueta #AfundaciónEnCasa.
