Compostela, 22 de maio do 2024 – A Deputación da Coruña ven de adxudicar o tramo inicial da Vía Verde que parte de Santiago de Compostela.
As obras suporán un investimento de 753.820 euros e comezarán o vindeiro mes de xuño. Este tramo da Vía Verde parte da antiga estación de ferrocarril da Sionlla e ten unha lonxitude de 2,2 quilómetros.
Trátase do primeiro tramo da Vía Verde en territorio de Compostela, que se completará nos vindeiros meses cunha segunda fase de 8 quilómetros de lonxitude. Este segundo tramo partirá do punto quilométrico 2+2 ao 10+200. Os dous tramos de Compostela sumarán 10 quilómetros e suporán un investimento de 1,8 millóns de euros.
Ao remate das dúas fases Compostela estará conectada co resto da Vía Verde que xa está en funcionamento e que atravesa os municipios de Oroso, Ordes, Tordoia e Cerceda para completar 36 quilómetros sobre as antigas vías do ferrocarril.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que con esta actuación, “a Deputación da Coruña inicia a conexión de Compostela coa maior Vía Verde de Galicia, contribuíndo a crear unha oferta de mobilidade sustentable e respectuosa co medio ambiente que contribúe a vertebrar as comunicacións nos núcleos rurais e a dinamizar o turismo na zona”.
As oportunidades turísticas da Vía Verde veñen avaladas tras a concesión, por parte do Goberno de España, do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, dotado con 1.375.000 euros de orzamento.
Arredor da Vía Verde e enmarcado no Plan Nacional de Turismo Enogastronómico, o plan busca impulsar este destino como unha alternativa sostible baseada no desenvolvemento dun produto turístico singular a partir da gastronomía e os recursos inmateriais vinculados ao territorio (patrimonio histórico, cultural, paisaxístico…).
Entre as actuacións previstas neste PSTD destacan a elaboración dun plan de actuacións para evitar inundacións nas canles dos ríos Tambre e Lengüelle, a instalación de puntos de auga e de autorreparación de bicicletas; a elaboración dun plan de sombras nas áreas de descanso, coa instalación de pérgolas axardinadas, a elaboración dun mapa virtual e app dixital con rescursos vinculados ao turismo gastronómico ou un plan para impulsar feiróns no que se fomenten os produtos locais, en colaboración con pequenos produtores.
O orzamento do PSTD da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle inclúe tamén 300.000 euros para cofinanciar coa Deputación (608.989 €) e Concello de Santiago (142.723 €) as obras do segundo tramo da Vía, que conectará con Sigüeiro (Oroso).