Compostela, 6 de marzo do 2025 – “Construíndo a Compostela feminista” é o lema da campaña polo 8M que pon en marcha o concello de Santiago de Compostela e que foi presentada este mércores.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, presentou a edición dunha revista no marco do 8M que inclúe pasatempos en clave feminista que busca chegar a un público máis amplo a través dun enfoque lúdico e divulgativo.
O Auditorio de Galicia acollerá este venres 7 ás 18:30 horas, dentro das actividades do 8M, o acto “Mulleres de Compostela 2025” en recoñecemento a oito mulleres que son referentes da cidade tanto pola súa traxectoria profesional como vital.
O propio Día Internacional das Mulleres, o Pazo de Raxoi acollerá a lectura do manifesto e a entrega do Premio Xohana Torres 2024. Goretti Sanmartín falou do 8M como “un referente para empoderar o conxunto das mulleres da sociedade compostelá e tamén como unha celebración que conxugue a alegría coa procura de referentes e a defensa dos nosos dereitos como mulleres”.
A revista presentada e de carácter divulgativo e de pasatempos interxeracional, pensada para ser realizada en calquera lugar: na casa, no parque, na escola… que propón encrucillados, xogos de palabras, xeroglifos ou debuxos para colorear. Ao final da revista, inclúe tamén recortables para que cada persoa poida modificar o carte que se atopa nas páxinas centrais, debuxalo ou recrear a súa versión do mesmo.
Pasado, presente e futuro
A alcaldesa explicou tamén as tres partes nas que se divide a revista, cada unha delas cargada de simbolismo e valor. Unha primeira é a Memoria, onde se celebra todas aquelas persoas que, ao longo da historia, contribuíron a construír a Compostela feminista que habitamos hoxe. Fálase de mulleres e colectivos referentes que deixaron a súa pegada en diferentes ámbitos, xa que “somos elos dunha cadea” que se transmite de xeración en xeración.
A segunda parte, o Hoxe, fai referencia ao presente. Céntrase en aquelas que están a construír Compostela no presente, aquelas que continúan a loitar por un espazo no que as mulleres, as persoas LGTBI+, as persoas non binarias e calquera colectivo que se vexa vulnerado “poidan verse e sentirse cómodas nunha Compostela sen violencia e con igualdade de dereitos”.
Ao respecto da última parte, o Futuro, Goretti Sanmartín explicou que se trata dun “chamamento para a sensibilización e concienciación dass novas xeracións, nun momento de involución do feminismo e os avances de xénero” xa que son as que teñen na súa man a responsabilidade de seguir construíndo a Compostela feminista.
Subversión dos roles de xénero tradicionais
O Concello pretende con esta campaña facer unha proposta educativa e divulgativa que invite á participación de todos os sectores da sociedade, ao mesmo tempo que se fai unha chamada á memoria e reivindicación. “Búscase facer unha proposta de participación”, xa que “son necesarias todas as mans das mulleres e tamén dos homes para construír unha Compostela feminista”, sinalou a alcaldesa.
Con este fin, a propia proposta gráfica da campaña, que presenta un oficio tradicionalmente masculinizado, como é o da construción está pensado para “invitar á subversión dos roles de xénero tradicionais”. Usar estos símbolos reflicte a intención que ten o feminismo de cambiar as normas e os estereotipos, cuestionando as estruturas patriarcais que exclúen ás mulleres destas áreas.
Distribución
A campaña terá unha intensa presenza nas rúas coa distribución de 15.000 exemplares da revista, 800 cartaces, 10 mupis e 2 traseiras de autobús. A revista en formato papel será distribuída de maneira ampla a través de comercios, hostalería, escolas, institutos e bibliotecas de Compostela, de modo que todo o mundo poida ter acceso a ela, sen importar a súa situación social ou económica. Tamén estará dispoñible en formato dixital, accesible a través da web do CIM.
Mulleres de Compostela 2025
A programación con motivo do 8M dará comezo o venres co acto “Mulleres de Compostela” xa mencionado. As galardoadas, elixidas por vez primeira polo Consello municipal de honras e condecoracións, son: Esperanza Nogueira, expresidenta da Asociación A Xunlla de Laraño; Teresa González, expresidenta da Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM) e presidenta da federación galega FEGADEM; Guadi Galego, unha artista de referencia da escea musical galega actual; Melania Cruz, premio de Cultura Galega das artes escénicas e Premio Mestre Mateo á Mellor Interpretación Feminina; Carme Castro, presidenta do Fútbol Club San Pedro desde 2020; Pilar Astray, expresidenta da Asociación do Traxe Galego; María Suárez, rexenta desde 1990 a popular taberna A Chantadina no barrio de Sar; Carmen Iglesias, propietaria do mesón A Charca na Rúa do Franco, onde leva 50 anos á fronte dos fogóns.
Manifesto e Premio Xohana Torres
O propio sábado, 8 de marzo terá lugar o acto de lectura da declaración institucional que foi aprobada por unanimidade por todos os grupos que conforman a Corporación o pasado 28 de febreiro. A continuación, o Pazo de Raxoi acollerá o acto de fallo e a entrega do Premio Xohana Torres 2024.
Este venres tamén se abrirá o prazo de presentación de propostas á edición 2025 do ‘Premio Xohana Torres de ensaio, investigación e creación audiovisual sobre as mulleres na sociedade galega’. A esta convocatoria, que permanecerá aberta ata o 30 de decembro, pode concorrer calquera persoa física ou agrupacións de persoas sen personalidade xurídica e os traballos deben tratar da participación social e política das mulleres e ter como obxectivo reconstruír a súa memoria histórica.
Poden ser ensaios literarios ou científicos, mais tamén pezas audiovisuais sobre as mulleres galegas ou experiencias das mulleres en Galicia.
Cada premio, un na modalidade de ensaio e outro na modalidade de creación audiovisual, estarán dotados con 2.500 euros, que cubrirán os dereitos de edición das obras por parte do Servizo de Publicacións da USC.
Outras accións
Ao longo do mes desenvolverase unha campaña de socialización dos contidos da revista nas redes sociais de Igualdade Compostela e do Concello de Santiago.
Para finalizar este mes de conmemoración, o 28 de marzo na sala Mozart do Auditorio de Galicia terá lugar a preestrea do documental Altas Luces, realizado por Illa Bufarda e que lle poñerá o ramo a esta campaña.
