Compostela, 21 de febreiro do 2025 – Un acordo do concello de Santiago de Compostela coa SAREB pode ser o último capítulo de Peleteiro aínda que, polo momento, a veciñanza desconfía.

O goberno de Goretti Sanmartín presentou a proposta para a parcela do antigo Peleteiro na que se reserva para vivenda protexida ata o 45%. Sanmartín, e o concelleiro de Urbanismo e Vivenda, Iago Lestegás, deron conta dos detalles da modificación puntual do planeamento, que conta coa conformidade da SAREB.
A alcaldesa cualificou de “magnífica noticia para o conxunto da veciñanza de Santiago” a proposta, que se levará a comisión informativa o luns e se someterá a debate e votación no pleno do próximo 27 de febreiro e para o que a alcaldesa agarda o apoio da corporación.
O actual acordo sobre Peleteiro vense concretando nos últimos meses desde que hai algo máis dun ano a alcaldesa, xunto co concelleiro, desprazouse a Madrid para manter unha reunión co ministro de Economía, Carlos Cuerpo. Sanmartín quixo agradecer tamén “o gran traballo do departamento de Urbanismo”.
A proposta municipal establece que “polo menos o 45% da superficie de uso residencial de Peleteiro sexa para vivenda protexida”. Sanmartín explicou que “se reduce o uso comercial incrementando o uso residencial, mantendo os 900 metros cadrados de equipamento comunitario pensado para un centro de día, reservando 1395 m2 de espazo público e un mínimo de 400 prazas de aparcamento”.

Detalles da proposta
A alcaldesa recordou que a vivenda é un “obxectivo prioritario para este Goberno” polo que no proxecto de orzamentos municipais aprobados esta semana en Xunta de Goberno se fai unha “aposta clara polas políticas neste ámbito, coa incorporación 4,2 millóns euros para adquirir e rehabilitar vivenda”.
O concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, explicou que a proposta de ordenación busca reproducir en Peleteiro a tipoloxía propia do Ensanche compostelán, caracterizada pola convivencia entre usos comerciais en planta baixa e vivendas en plantas superiores.
Entre as cuestións que destacou está a redución significativa da edificabilidade para uso lucrativo (de 23.500 m2 no planeamento vixente a 19.000 m2 na proposta), mantendo os 900 m2 para equipamento comunitario e os 1.395 m2 de espazo público.
“Conseguimos reproducir o modelo do Ensanche; conseguimos introducir unha reserva moi significativa de vivenda protexida no corazón da cidade, porque nós consideramos que a vivenda protexida non debe estar exclusivamente en novos desenvolvementos urbanísticos na periferia, ten que habela en todos os barrios; e conseguimos un espazo público de calidade e unhas edificacións mellor integradas no seu contexto”, destacou Iago Lestegás.
O concelleiro de Urbanismo e Vivenda destacou tres diferenzas fundamentais fronte á proposta que se someteu ao pleno en 2022: pasar dun 20% a un mínimo do 45% de vivenda protexida; ampliar a apertura á rúa de República de Arxentina (de 20 metros pásase a 34 metros, xerando unha entrada gradual ao espazo público dende esa rúa), mantendo a de San Pedro de Mezonzo (48 metros); e a conformidade da Sareb con esta proposta, “unha solución moi positiva para estes terreos que levan moitos anos sen uso”.
Pleno o 27 de febreiro
A proposta modificación do planeamento neste ámbito para priorizar o uso residencial irá á comisión informativa de Urbanismo do vindeiro luns e será sometido ao Pleno ordinario do vindeiro xoves, a alcaldesa pediu “altura de miras para que sexa unha solución que conte co apoio unánime do conxunto da Corporación”.
“Cremos que é unha magnífica noticia para o conxunto da veciñanza de Santiago. Esperamos que haxa altura de miras para que sexa unha solución que conte co apoio, que debería de ser unánime, do conxunto da corporación”, destacou Goretti Sanmartín.
