Compostela, 15 de xaneiro do 2025 – BNG, PSdeG e Compostela Aberta pecharon un acordo de orzamentos para este ano que se acerca aos 146 millóns de euros.

As novas contas de Compostela atópanse en tramitación antes de ser levadas a pleno para ser aprobadas. O documento foi asinado pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, xunto coa primeira tenente de alcaldesa, María Rozas, e o portavoz do Grupo Municipal Socialista, Gonzalo Muíños.
O goberno municipal de Compostela destaca que se trata dun orzamento “equilibrado e enfocado nas necesidades reais da poboación”. Os gastos correntes ascenden a uns 133 millóns e os investimentos reais alcanzan 13 millóns.
Non hai subida de impostos o que non impedirá que a recadación creza debido a eficiencia na xestión de diferentes áreas municipais, e ao imposto de estadías tamén chamado “Taxa turística”. O concello tamén solicitará un crédito de dous millóns de euros que equivales ao amortizado no 2024 polo que a débeda de Compostela mantense.
Un dos capítulos de gasto máis importante é o do persoal e funcionamento da administración que supón arredor de 42 millóns de euros. A seguinte carga económica de Compostela corresponde coas externalizacións (recollida de lixo, comedores, limpeza, axuda no fogar ou mantemento de parques e instalacións, firmes ou rozas, entre outras).
Cinco eixes
O orzamento de Compostela estrutúrase en cinco eixes: o social, as políticas de vivenda, a mellora do espazo público e das infraestruturas; un cuarto eixe de equipamentos e o quinto de sustentabilidade ambiental.

No primeiro eixe, mantéñense os recursos para atención aos colectivos máis vulnerables, apostando por servizo de axuda no fogar, bolsas de comedores, axudas para libros e actividades extraescolares, conciliación ou axudas a entidades sociais, entre outras.
No segundo, destacan as políticas de vivenda. Así, a proposta de orzamentos recolle para este obxectivo máis de 4 millóns de euros, o máis importante dos investimentos.
En canto ao coidado do espazo público, destaca o compromiso co rural (con novas cantidades para o mantemento de vías e a dotación de saneamento e abastecemento). Ao tempo, materializaranse obras importantes avanzarase nos proxectos de acondicionar integralmente dúas áreas da cidade: a zona ao norte da Cidade Histórica, partindo da Almáciga cara a Salgueiriños (para a que se solicitarán fondos EDIL) e a zona sur do Ensanche, comezando cun proxecto para a rúa de Santiago de Chile.
No cuarto dos ámbitos sobre o que pivotan os orzamentos, atópanse as instalacións deportivas como o Vero Boquere e o Pavillón de Lamas Abade ou Santa Marta (1,6 millóns), a cociña central para o novo modelo de comedores escolares (1 millón) ou a rehabilitación da Casa das Persoas Maiores (432.000 para a primeira anualidade dunha obra que alcanzará o millón e medio de euros). Tamén se prevé en torno a medio millón de euros para arranxos en centros escolares, outro tanto para o parque de bombeiros e 75.000 euros para a redacción do proxecto dunha nova instalación para a mocidade, recuperando o esquelete do Parque de Bombeiros en Salgueiriños.
En quinto lugar, no que ten que ver coa sustentabilidade ambiental, os orzamentos recollen 100.000 para acondicionar o antigo vertedoiro de Piñor, máis de 500.000 euros para o proxecto de renaturalización Entre o Sar e Sarela e 60.000 para o Ecobosque de Conxo (nestes dous casos como achega municipal aos fondos europeos con que contan). Para resolver fugas nas redes de auga hai reservada unha partida de 200.000 euros e tamén se prevén outros 200.000 euros para o arranxo das tubaxes da captación. As contas recollen tamén o incremento de custos de explotación da nova depuradora da Silvouta, que pasan de 800.000 euros en 2024 a superar os 1,2 millóns en 2025.