Compostela, 4 de xullo do 2022 – O deseño do enlace coñecido como “Orbitaliño” está cada vez máis consensuado entre os grupos políticos que coinciden en que afecte o menos posible ao núcleo de Formarís.
Si hai uns días era Compostela Aberta quen reclamaba que se recuperara o deseño da lexislatura anterior, agora o BNG anuncia un acordo co equipo de goberno para impulsar un Orbitaliño que teña en conta a afectación aos veciños.

A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, rexistrou unha emenda para que as xestións continúen na procura das mellores solucións para a veciñanza, o comercio, o desenvolvemento do rural e a industria afectadas na zona Formarís, tal e como se aprobou por unanimidade da Corporación no Pleno de xuño de 2021.
O texto manifesta que é unha prioridade para Santiago a construción do enlace entre AP-9 coa N-550, coñecido como o Orbitaliño. Busca ademais que os grupos políticos manteñan o espírito acadado polo consenso do Foro Cívico, comprometéndose a buscar canles de colaboración para conseguir un consenso nos temas cruciais para a cidade.
O Concello de Santiago seguirá mantendo un diálogo co Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para que teña en conta nesta actuación as peculiaridades dos núcleos tradicionais galegos e presentará alegacións nesa liña ao proxecto do Orbitaliño.
Ademais, o Concello de Santiago ofrecerá asesoramento técnico e legal á veciñanza afectada e asociacións que tamén estimen presentar alegacións para defender as vivendas, terreos agrarios e espazos rurais para a cohesión territorial da aldea que pode alterar o proxecto do Orbitaliño.