Compostela, 16 de outubro do 2020 – O Centro Sociocultural do Ensanche acolle a exposición didáctica José Afonso, Xeografías dunha vida con fotografías e documentos do músico portugués.
A exposición forma parte do traballo da Asociación José Afonso, AJA, para difundir a obra do Zeca en Galicia e foi concibida como unha primeira aproximación a súa vida e as influencias musicais e reivindicativas do seu periplo de Aveiro a Angola e Mozambique (África) e de Belmonte a Coimbra e Setúbal (Portugal).
Os paneis desta mostra, que xa visitaron diversas vilas e cidades de Portugal, chegan por vez primeira a Galicia coa colaboración da Deputación da Coruña e do Concello de Santiago de Compostela.
Deste xeito, a AJA-Galiza reprogramou actividades previstas para a semana do 25 de abril de 2020 no seu compromiso coa cultura, coa reivindicación social e coa difusión do legado de José Afonso, que estaban organizadas xunto coa Gentalha do Pichel e coa colaboración da Deputación da Coruña, e que tiveron que ser adaptadas a formato online por mor das medidas de confinamento sanitario para a prevención da pandemia da covid-19 mentres que outras ficaron adiadas, mais non canceladas.