Compostela, 24 de decembro do 2024 – As veces o traballo máis rendible non se ve. É o que sucede con DATAlife que leva atraídos a Galicia 28 millóns de euros en cinco anos.

Que é DATAlife? Trátase do que se coñece como un hub de innovación, un centro que traballa na comunicación entre empresas e na consecución de financiamento para distintos proxectos.
DATAlife celebra o seu quinto aniversario xa que foi fundado no 2019. En este tempo, máis alá dos 28 millóns de euros de investimento, a empresa mobilizou 44 proxectos de transformación dixital.
O hub consolidouse como un actor crave no ecosistema de innovación galego e europeo, organizando 85 eventos centrados en tecnoloxías disruptivas e participando como relatora en 123 actos que proxectaron a Galicia como un eixo innovador en Europa. As iniciativas do Hub chegaron a máis de 8.700 entidades galegas.
Servizos 100% financiados para pemes
Uno dos maiores logros foi o desenvolvemento do proxecto EDIH DATAlife, que espertou o interese de 136 entidades que contactaron co Hub para implementar tecnoloxías disruptivas pouco estendidas e con potencial para mellorar a competitividade das entidades galegas.
Desde o proxecto ofrécense servizos tecnolóxicos completamente financiados a través do programa de axudas PADIH por até 30.000 euros por PEME. Grazas a isto, DATAlife pon a disposición do ecosistema formación, probas piloto, plans de dixitalización e mentorización para startups.
Neste contexto, o Hub elaborou 57 propostas e, actualmente, hai 25 servizos en execución. Ademais, segundo apunta Lucía Castro Díaz, xerente de DATAlife, “logramos que un total de 400 pemes galegas participen na definición de necesidades formativas, suxiran retos sectoriais, reciban asesoramento en transformación dixital e proben tecnoloxías disruptivas, dando un paso cara a adiante en materia de tecnoloxía e competitividade”.
Novos proxectos e éxitos destacados
Como se destaca anteriormente, un dos maiores fitos de DATAlife foi recibir o recoñecemento da Comisión Europea (CE) como Hub Europeo de Innovación Dixital (EDIH), sendo o único de Galicia en recibir apoio económico directo.
Con iso créase o proxecto EDIH DATAlife que conta cun orzamento de 5,6 millóns de euros para apoiar a transformación dixital das entidades galegas. Está co-financiado pola CE con fondos DIXITAL EUROPE e polo Ministerio de Industria e Turismo (MINTUR) con fondos NextGeneration.
Ademais, o hub axudou na concepción da proposta para a creación dun Espazo de Datos do Demostrador Multisectorial DATAlife, baseado no concepto OneHealth, e sete casos de uso, todos eles presentados á convocatoria de axudas para a transformación dixital dos sectores produtivos estratéxicos mediante a creación de demostradores e casos de uso de Espazos de Compartición de Datos. Tanto o demostrador como os casos de uso foron seleccionados pola SEDIA, cun investimento que ascende a 6 millóns de euros.
Un dos obxectivos que se persegue coa creación do demostrador é disponibilizar o acceso, os medios de compartición segura e soberana dos datos, ademais dunha infraestrutura cloud dotada de modernos e potentes medios de cómputo, xa que se aloxará no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).
Todo iso desde un punto de vista holístico que inclúa datos relacionados coa saúde humana, a saúde animal, o medioambiente, os biorrecursos, os residuos como recursos a valorizar, alimentación, saúde e coidados.
No ámbito do sector agroalimentario, DATAlife tamén pasou a formar parte en 2024 de agrifoodTEF, un proxecto europeo dentro do programa DIXITAL EUROPE e apoiado polo MAPA, que ofrece servizos para axudar a avaliar e validar solucións de Intelixencia Artificial (IA) e robótica en contornas reais co obxectivo de maximizar o impacto da dixitalización do sector agrícola.
Actualmente, xa está dispoñible o catálogo de servizos ofrecidos polas entidades que forman parte do consorcio do proxecto en Galicia: AGACAL, CIAM, Gradiant e DATAlife. Estes contan con infraestruturas físicas e dixitais para o desenvolvemento e o testeo de solucións para a produción láctea, baseadas na robótica e a intelixencia artificial.
Tamén forma parte de HIBA+, un proxecto financiado polos fondos Interreg-POCTEP, dirixido a consolidar os logros e experiencias da rede creada en Hub Iberia Agrotech (HIBA). Esta iniciativa hispano-lusa está orientada a fortalecer a conexión dos ecosistemas locais de innovación agroalimentaria e coordinada por outro Hub de Innovación Dixital, Andalucía Agrotech.
Finalmente, destácase a súa entrada no consorcio do proxecto SOSFood, cuxo obxectivo é acelerar a transición ecolóxica dos sistemas alimentarios utilizando o gran potencial das tecnoloxías de IA. Dará apoio a todas as partes interesadas da cadea alimentaria para que tomen decisións ben informadas, alcanzando sistemas alimentarios máis produtivos, inclusivos, sustentables e resilientes.
Formación e divulgación
Este ano, DATAlife organizou 10 formacións presenciais centradas en tecnoloxías dixitais aplicadas aos sectores que engloba o proxecto EDIH DATAlife: agro-mar alimentación, biotecnoloxía, forestal-madeira e saúde-coidados. A elas asistiron máis de 200 persoas, pero debido á alta demanda foron gravadas e están dispoñibles na aula virtual do CESGA. En 2025 levarán a cabo novas formacións, tamén sen custo para as empresas e entidades públicas.
Un futuro dixital para Galicia DATAlife conclúe o seu quinto aniversario con resultados extraordinarios, reafirmando o seu compromiso de seguir apoiando ás entidades galegas no seu camiño cara á transformación dixital. Como sinala Sebastián Pantoja, presidente da asociación, “o noso obxectivo é continuar impulsando a competitividade de Galicia mediante tecnoloxías disruptivas e solucións innovadoras”.
Sobre DATAlife
DATAlife é o Hub de Innovación Dixital Europeo para as ciencias da vida, ofrecendo apoio aos sectores primario, biotecnológico e saúde. Actúa como portelo único de acceso a servizos especializados de carácter tecnolóxico, formativo e de desenvolvemento de negocio, así como a tecnoloxías e infraestruturas de última xeración de uso compartido a disposición do ecosistema.
O Hub, que naceu coa visión de converter Galicia en Biorregión de referencia en Europa mediante a creación de sinerxías, ofrece tamén actividades de coordinación e orquestración do ecosistema de innovación ao redor das tecnoloxías dixitais.