Compostela, 6 de novembro do 2023 – 115 películas, concertos, unha homenaxe a Jorge Semprún ou a imprescindible maratón conforman a 37º edición de Cineuropa.
O certame premiará ademais as traxectorias de Luis Zahera, o director portugués João Canijo e a actriz Ana Torrent. O día 9 Cineuropa inaugúrase coa película arxentina Puan, unha comedia dirixida por Benjamín Naishat e María Alché que gañou a Cuncha Prata ao mellor guión no festival de San Sebastián, nunha edición que durará ata o vindeiro 25 de novembro.
A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, presentou esta 37º edición de Cineuropa na compaña da deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, e do director do festival José Luis Losa. Louzao deu os parabéns ao equipo organizador de Cineuropa polo “tecido dunha nova proposta que nos volve ao cinema como celebración, como acto colectivo, como espazo de encontro no que compartir praceres e reflexións”.
A deputada de Cultura da Deputación, Natividade González, aludiu a Cineuropa como unha cita destacada no só para a cidadanía compostelá senón para todas as galegas e galegos, cunha “emocionante selección de películas que nos permitirán explorar a diversidade e a riqueza da cultura cinematográfica”.
O director, Jose Luís Losa, concluíu a ronda de intervencións destacando o carácter celebratorio e público dos festivais de cinema, nun momento en que parecen en perigo de extinción da man de gobernos reaccionarios “isto sucede por ese simbolismo subliminalmente poderoso dun festival de cinema como ese ágora democrática. É un acto colectivo, un festival de resistencia fronte a unha guerra cultural que busca privatizar case todo, uniformar e invisibilizar o que o cine singulariza: as emocións, a loita social, as denuncias das violencias estruturais”.
Comedia e reflexión
Cineuropa terá este ano un ciclo temático que debe o seu título ao filme ‘O mundo está tolo, tolo, tolo’ (It’s a mad, mad, mad, mad, world, de 1963) e que reúne doce das películas de comedia máis singulares da historia do xénero. Ademais do popular filme de Stanley Kramer, inclúe obras de Billy Wilder, Preston Sturges, Nanni Moreti, Ernst Lubitsch, Jacques Becker ou Mario Monicelli, entre outras, que poderán verse por primeira vez na gran pantalla en versión orixinal subtitulada.
Ao tempo, Cineuropa conmemora o centenario do nacemento de Jorge Semprún cunha escolma de proxeccións e dúas actividades paralelas para as que contará coa colaboración do cineasta Costa-Gavras. O director, que recibiu o premio Cineuropa en 2017 e foi colaborador e amigo de Semprún, asinará unha carta branca ao político, guionista e escritor.
Costa-Gavras tomará parte nunha mesa redonda arredor das múltiples facetas de Semprún: home de acción na Resistencia Francesa e na clandestinidade do Partido Comunista de España, ministro de Cultura no Goberno de Felipe González e autor de máis de 20 novelas, en moitas das cales desenvolveu a súa relevante tarefa memorialista dos campos de concentración nazis, que sufriu en pel propia entre 1943 e 1945.
Cineuropa estudará de maneira especial o seu traballo como guionista de cinema, labor que lle valeu dúas candidaturas aos premios Óscar, polos guións de Z (1969), de Costa-Gavras, e A guerra rematou (La guerre est finie, de 1966), de Alain Resnais. Xunto con estes filmes, o festival proxectará case a totalidade da filmografía de Semprún como guionista, con 11 das 14 longametraxes que escribiu, entre as que poderemos atopar outros dous filmes dirixidos por Costa-Gavras: A Confesión (L’Aveu, de 1970) e Sección especial (Section spéciale, de 1975). Ademais, proxectarase As dúas memorias (Les deux mémoires, 1974), a única peza na que se puxo tras a cámara para documentar a súa visión da oposición ao franquismo, con testemuños de Santiago Carrillo, Federica Montseny, Fernando Claudín, María Casares, André Malraux ou Juan Goytisolo.
Memoria
Cineuropa inclúe outros dous ciclos que poñen o foco na construción da memoria a través do cinema. No ano en que se conmemoran 40 anos de democracia na Arxentina, o ciclo ’40 D Cinema e democracia’ afonda na pegada do pasado ditatorial deste país. Ao tempo, ‘A 50 anos do Golpe en Chile’ explora o padecemento do pobo chileno durante a ditadura de Pinochet a través da ollada da cineasta Carmen Castillo.
Seccións Oficiais
A 37ª edición de Cineuropa non esquece o seu compromiso coa descuberta das novidades do panorama cinematográfico e desprega unha programación cos mellores filmes da tempada na contorna europea, e firmas como as de Matteo Garrone, Aki Kaurismaki, Wim Wenders, Alice Rohrwacher, Ryusuke Hamaguchi, Justine Triet, Radu Jude ou Agnieszka Holland. A Palma de Ouro en Cannes, Anatomía dunha caída (Anatomie d’une chute), o premio do xurado en Berlín, Mal viver, e o León de Prata en Venecia, Eu Capitán (Io Capitano), estarán presentes na Sección Oficial Europea desta edición.
O Panorama Internacional escolma boa parte fitas que transitaron polos festivais internacionais deste ano, e inclúe os premios ao mellor director de Cannes, que recibiu Tranh Ang Hung por A lume manso (La passion de Dodin Bouffant), ou ao mellor actor no mesmo certame, que recaeu en Koji Yakush por Días perfectos (Perfect Days). Tamén abeira a proxección de Aquí (Here), o filme de Bas Devos que resultou gañador do ‘Encontros’ da Berlinale; de O mal non existe (Evil Does Not Exist) de Ryusuke Hamaguchi, gran premio do xurado da Mostra de Venecia, e de Zona Crítica (Critical Zone), de Ali Ahmahzadeh, que gañou o Leopardo de Ouro en Locarno.
Doce películas de procedencias diversas (Alemaña, Francia, Bélxica, Grecia, Portugal, Reino Unido, Romanía, Arxentina, Corea do Sur e Galicia) conforman a sección dedicada a Novas/os Cineastas, que inclúe as fitas gañadoras da Quincena de Realizadores ou a Semana da Crítica de Cannes, da Berlinale, da Mostra de Venecia ou do Festival de Locarno. Entre elas, O auto das ánimas de Pablo Lago Dantas, eríxese como a primeira película galega en participar nesta sección.
DOCS Cineuropa, cunha escolma de seis filmes documentais, e Panorama Audiovisual Galego, con cinco longametraxes e quince curtas, completan as seccións oficiais do certame.
Xurado Oficial e Xurado Novo
Un xurado internacional composto polo cineasta uruguaio Álvaro Brechner, a programadora francesa Valentina Otormin e o crítico e escritor catalán Carlos Losilla, outorgará os premios da competición, que se darán a coñecer na cerimonia de clausura o próximo 25 de novembro.
Tamén daquela coñecerase o premio do público de Cineuropa e os galardóns outorgados polo Xurado Novo da 37ª edición, que distinguirán mellor película, mellor dirección, mellor guión e mellores interpretacións feminina e masculina.
Premios Cineuropa
O Teatro Principal abeirará as galas de entrega dos premios Cineuropa, que en 2023 distinguen a traxectoria do actor Luis Zahera, do cineasta portugués João Canijo e da actriz Ana Torrent. O recoñecemento ao actor santiagués gañador dun segundo Goya por As Bestas, terá lugar o mércores 15 nunha sesión na que se proxectará El Reino, de Rodrigo Sorogoyen. A homenaxe ao cineasta João Canijo será o domingo 19, nun acto que incluirá a proxección de Mal Viver, o filme o premio do xurado na Berlinale. Finalmente, a entrega do Premio Cineuropa á actriz Ana Torrent, realizarase o xoves 23 nun acto que incluirá a proxección de Sobre todo de noche.