Compostela, 22 de febreiro do 2023 – A Policía Local de Santiago celebra hoxe o seu 175 aniversario cun acto no que entregará medallas aos axentes con máis de 30 anos de servizo.

A Policía Local de Santiago, aínda que daquela non recibía ese nome, naceu no 1780 ou polo menos de ese ano comezan a gardarse documentos que falan de “policía urbana”.
No 1848 constitúese (segundo Pérez Constanti, arquiveiro municipal nos principios do século XX) a Ronda de Policía Urbana que nace para complementar a compañía de serenos creada antes. Estes dous corpos son o xermolo da actual Policía Local.
A Policía creceu a medida que crecía a cidade. A creación de espazos como a Alameda ou a Praza de Abastos obrigaron a destinar a xentes á labores de vixilancia e control e, en consecuencia, a que se incrementa o número deles. O nacemento dos vehículos a motor foi outra razón do incremento da plantilla. Si en 1928 o número de axentes era de 63, en 1975 chegaba aos 112. Para o 150 aniversario, en 1998, a Policía Local de Santiago contaba xa con 162 axentes.


Unha gala moi especial
Begoña del Río Martínez, policía local e responsable da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, conducirá o acto que recoñece o papel da Policía Local nos seus 175 anos de vida. O acto contará coas intervencións de José Ramón Silva Dieste, intendente da Policía Local; Belén Sixto Seco, primeira muller en formar parte da Policía Local de Santiago; e Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago.

O momento central da gala será a cerimonia de entrega das medallas de permanencia aos 55 membros do corpo, 3 deles mulleres, cunha antigüidade de máis de 30 anos.
Actos do sábado, 25 de febreiro
Con motivo dos actos de celebración do 175 aniversario, o vindeiro sábado 25 de febreiro, terá lugar unha formación da Policía Local na praza do Obradoiro, que virá seguida dunha ofrenda ao Apóstolo na Catedral de Santiago.