Compostela, 15 de marzo do 2023 – A Fundación Granell inaugura este xoves día 16 a exposición Corpos recortados da artista Amparo Segarra.
Corpos recortados componse dunha selección de obras nas que Segarra, a través das súas colaxes ofrece unha reflexión arredor do corpo humano como eixe central de parte das súas composicións.
O corpo nu, masculino e feminino, nas diferentes etapas da vida, enteiro, fraccionado ou creado. A unión dos diferentes xéneros concibe unha nova imaxe para a artista dende a diversidade e o respecto cara a muller e as minorías.
No traballo de Amparo Segarra a muller represéntase como artífice das composicións fronte a unha masculinidade dominante que a artista afronta dende diferentes ópticas para denunciar a discriminación sexual nas diferentes partes do mundo.
Por outra banda Corpos recortados complétase con pezas que xogan coas ironías a través da unión de distintos elementos. Un humor ácido en relación á imaxe masculina, sarcástico cos desequilibrios sociais onde as mulleres son presentadas como as principais vítimas do sistema.
Amparo Segarra
Segarra comezou o seu traballo plástico en unión con Eugenio Granell interesada pola técnica da fotomontaxe. Nos anos 50, realizaba colaxes destinadas ao ensino do alumnado do pintor pero o período máis frutífero da súa obra foi o que comprende desde o seu traslado a Nova York en 1956, ata a súa volta a Madrid, en 1985.
Nas primeiras composicións dos anos 50 traballaba sobre un fondo pintado por Granell sobre o que superpoñía recortes de fotografías de revistas de moda. Era unha iconografía feminina que mostraba mulleres de clase alta, protagonistas desas revistas, polo que o seu traballo ten unha lectura de clase.
A maioría da súa produción foi durante a súa estancia en Nova York onde se aprecia a influencia da arte pop. Abandona os fondos con debuxo e pintura para substituílos por recortes de revistas con composicións máis precisas e cunha mensaxe máis profunda.
As mulleres seguiron sendo as protagonistas das súas composicións e tratou temas como a cousificación, o consumo de drogas, os valores relixiosos, o uso do burka ou a identidade sexual a través de figuras andróxinas.
Foi actriz de teatro desde 1944 a 1969, durante as súas estancias en Porto Rico e Nova York. E tamén confeccionou o vestiario dalgunhas desas obras teatrais.
Volveu a España no 1985 e instalouse en Madrid ata o seu falecemento en 2007.