Compostela, 21 de decembro do 2023 – O Psoe de Santiago levará ao pleno, que se celebra hoxe en Compostela, a proposta de apertura dunha nova rúa na zona de Basquiños Santa Clara.

A nova rúa conectaría coa rúa de Arzúa. Trátase dun paso que xa contempla o Plan Especial vixente e no que, explica a concelleira Mercedes Rosón, “xa comezamos a traballar no goberno socialista”.
A proposición que se leva a pleno insta ao goberno local a darlle continuidade a esta actuación que, explican, “permitiría pechar o artellamento deste importante barrio da nosa cidade, favorecendo a mobilidade tamén en toda a zona da Estila, Espírito Santo, Ultreia, Basquiños e mesmo San Caetano”.
Rosón engade que “Todas somos coñecedoras do tráfico que soporta actualmente a rúa dos Basquiños e da necesidade de mellorar as conexións da cidade histórica coa Almáciga”. Recalca ademais que esta apertura tamén daría servizo ao alumnado do CEIP Apóstolo Santiago. Tamén na proposición os socialistas piden que se programe unha zona deportiva no barrio, recollida tamén no mesmo plan.
Trátase dun espazo reservado, ao carón do mesmo viario de nova creación, e que ademais do equipamento deportivo disporía dunha bolsa de aparcadoiro: “instaremos ao goberno a programar e estudar a expropiación dos terreos necesarios para crear este equipamento tan necesario e demandado polas veciñas e veciños da zona” di Rosón.