Compostela, 25 de maio do 2023 – Ao igual que sucedera hai catro anos, os candidatos con posibilidade de gobernar Compostela comprométense co Foro Cívico en seis retos concretos.

Na sede da Cámara de Comercio os representantes do Foro Cívico asistiron á sinatura do compromiso por parte do candidato socialista, Xosé Antonio Sánchez Bugallo; a candidata de Compostela Aberta, María Rozas Pérez; Borja Verea Fraiz, candidato do PP e a candidata do BNG, Goretti Sanmartín Rei.
O Foro explica que estes seis novos temas complementan aos comprometidos hai catro anos “que están, na súa maioría, en fase de execución e respecto dos cales seguirá a facerse seguimento”.
Os novos asuntos que se poñen como deberes os candidatos son o dimensionamento e planificación dun novo espazo para o Hospital Clínico. O Foro considera que constitúe “non só un problema de futuro senón xa de presente, sendo as dispoñibilidades actuais claramente insuficientes para dar cabida ás necesidades da área sanitaria de Santiago e Barbanza”.
O segundo dos temas, que foi un dos eixes da campaña electoral, é o da vivenda.
O Foro considera un obxectivo “evitar que se produza un incesante fluxo migratorio poboacional a outros municipios onde a vivenda é máis accesible, mediante o abaratamento do custo dos immobles postos á venda, a construción de vivendas de protección oficial (VPO), o establecemento dunha oferta de alugueiro tradicional a prezos alcanzables e a rehabilitación e dinamización do parque de vivendas baleiras especialmente no Centro histórico”.
Unha das cuestión que no final da lexislatura quedou sobre a mesa foi o ciclo integral da auga que terá que resolverse nos vindeiros meses e que tamén se contempla como un tema prioritario. No cuarto lugar dos compromisos está a estación de ferrocarril de mercadorías para a Sionlla, unha vella demanda que cos cambios de usos do eixe atlántico volve a ser posible.
Os dous últimos temas cos que o Foro Cívico comprometeu aos candidatos foron por unha banda a creación de solo industrial, a súa ocupación por industrias e a creación dunha oficina de captación de investimentos. Finalmente asinouse tamén o acordo de buscar un deseño de xestión turística sustentable para os vindeiros anos.
O Foro Cívico de Santiago de Compostela, é unha plataforma de traballo que reúne a institucións, asociacións e colexios profesionais da capital galega como son a Universidade de Santiago de Compostela, a Cámara de Comercio de Santiago, a Asociación de Empresarios de Hostalería de Santiago e Comarca, a Fundación Santiago
Centro, a Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, a Asociación de antiguos alumnos e amigos da USC
(ALUMNI), Compostela Solidaria, o Rotary Club, a Real Sociedade Económica de Amigos do País, a Fundación
Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, a Asociación de Xornalistas de Santiago, a Asociación Vicus Francorum, o
Colexio Maior A Estila, o Colexio de Avogados, o Colexio de Procuradores, o Colexio de Economistas, o Colexio de Arquitectos, o Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia e o Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais. Entre todos representan en torno ao 85% do PIB da cidade.