Compostela, 3 de setembro do 2024 – A Xunta de goberno local de Compostela aprobou a contratación de obras urxentes de reparación e mellora dos parques infantís da praza de Vigo, da praza de Galicia e de Agros de Ramírez (Praza Rpxa).
O orzamento do proxecto base para a licitación é de 73.268,53 euros. A adcudicación de esta intervenci´n nos parques infantís dividirase en 3 lotes, o primeiro para a praza de Vigo, por un importe de 24.881,23 euros; un segundo lote para o da praza de Galicia de 21.092,72 €; e un terceiro para o espazo de Agros de Ramírez, a carón da praza Roxa, cun orzamento base de licitación de 27.294,58 €; a todos hai que engadir o IVE do 21%.
O obxectivo é a realización dunha serie de actuacións de reparación e mantemento nos parques infantís do núcleo urbano que teñen maior afluencia e, polo tanto, tamén os que sofren un maior desgaste. Levaranse a cabo traballos de limpeza, de mellora do pavimento continuo e de colocación de céspede artificial. Tamén se prevé a substitución das pezas deterioradas dos elementos de xogo e labores menores de reaxuste e pintura.
A voceira municipal Miriam Louzao destacou que esta acción, que ten “como prioridade as crianzas e o seu benestar”, está en liña co obxectivo do Goberno de traballar nunha “Compostela Boa de vivir”, o primeiro dos tres retos presentados a pasada semana pola alcaldesa para un novo curso político “que virá marcado de aquí a finais de ano pola execución dos remanentes e que terá unha cita política chave en outono, co debate sobre o estado do concello”.
A voceira recordou que ademais deste primeiro reto centrado en temas como a vivenda, a mobilidade ou as condicións urbanas, fixouse un segundo centrado en “continuar xerando oportunidades para o desenvolvemento económico” a través do apoio aos negocios locais e á diversificación económica, e un terceiro co foco en “que a veciñanza sexa o centro das políticas municipais”.