Ames, 20 de novembro do 2018 – O Partido Popular de Ames ven de reclamar nunha rolda de prensa unha comisaría da policía nacional polo aumento dos delitos no concello.
A presidenta local do PP, Oliva Agra, e o candidato a alcalde, Ramón García, deron unha rolda de prensa no local social da urbanización Aldea Nova, unha das máis afectadas polos roubos en vivendas. Os concelleiros explicaron que de xaneiro a setembro do 2018 os delitos creceron un once por cento, con respecto ao mesmo período do 2017, según datos do ministerio do interior.
Os populares lembraron tamén o conflito aberto coa Policía Local que ten só catro policías en activo dos 25 que forman a plantilla. Consideran que a contratación de auxiliares proposta polo goberno municipal é unha “chapuza” xa que eses reforzos non poden asumir as mesmas competencias que os axentes e suporían un custo de 8.000 euros ao mes.
Tamén falaron da situación do cuartel da Garda Civil do Milladoiro que ten 28 axentes en activo para cubrir un territorio de 365 kilómetros cadrados. Unha plantilla claramente insuficiente para cubrir as tres quendas de mañá, tarde e noite. Por outra banda si a Garda Civil fai unha detención ten que levar á persoa a Coruña, esperar a que se lle tome declaración e, no caso de que xuíz decida retrasala, volver ao Milladoiro e volver a Coruña cando sexa necesario, unha situación que resta eses efectivos ao traballo diario. Para o PP a plantilla tería que ser como mínimo de 50 axentes.
Por todas estas razóns o Partido Popular levará ao seguinte pleno unha moción para que se reclame unha comisaría da policía nacional adscrita a de Santiago e esperan que a demanda sexa apoiada polo resto dos grupos.
