Compostela, 26 de novembro do 2020 – O Delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, supervisou o inicio das obras do orbital de Santiago xunto co alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e a subdelegada do Goberno, Pilar López-Rioboo.
Losada subliñou hoxe que a Ligazón Orbital converterase nunha peza fundamental na Rede de Estradas do Estado en Galicia. O Delegado engadiu que supoñerá un antes e un despois no desenvolvemento económico e urbano da zona norte da capital de Galicia ao permitir unha circulación máis fluída, máis rápida e máis segura que a actual.
Máis mobilidade
Javier Losada destacou que a ligazón permitirá todos os movementos posibles entre a AP-9 e a A-54. Tamén mellorará substancialmente a conexión co aeroporto de Lavacolla, que gañará un acceso directo por vía de alta capacidade e gratuíta desde a autoestrada do Atlántico, que actualmente debe facerse por estrada secundaria. Por último, facilítase substancialmente a conexión cos polígonos do Tambre, Costa Vella e Sionlla, aliviando tráfico pesado e reducindo retencións en horas punta, tanto no Periférico como na ligazón de Santiago Norte.
Esta actuación estará completa cando se execute o Orbitaliño, unha obra que, como indicou o delegado, segue avanzando na súa redacción no Ministerio de Transportes, que actualmente se atopa resolvendo as alegacións presentadas na fase de información pública ambiental.
O alcalde, Sánchez Bugallo, cualificou de “primordial para Santiago” esta obra. O rexedor quixo facer fincapé en que se “mellorarán notablemente” as comunicación de toda a comunidade porque “ao final o norte e o sur de Galicia trenzan nesta zona”. Tamén se verán beneficiadas as conexións co aeroporto de Lavacolla, “que move o 60% do tráfico en Galicia”.
Características técnicas
O Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana investirá 22,5 millóns de euros na construción da nova vía, de 1 quilómetro de lonxitude, que parte do km 91 da A-54 na ligazón actual de San Marcos e conecta co km 64,5 da AP-9. Ademais, executará un pequeno tramo cara ao norte para enlazar co vial autonómico existente que dá acceso ao Polígono Empresarial da Sionlla-Costa Vella.
A nova Ligazón Orbital terá unha configuración tipo diamante con glorieta superior con catro ramais que permitirán realizar todos os movementos posibles entre a autoestrada AP-9 e a A-54. O vial terá unha plataforma con calzadas separadas, cada unha con dous carrís por sentido de 3,5 metros de ancho, mediana de 3,00 metros, beiravía exterior de 2,50 metros e interior de 1,00 metro.
Construiranse varias estruturas: dous pasos superiores para a glorieta elevada sobre a AP-9, unha ampliación dun paso inferior, a reposición dun paso superior na AP-9, un paso superior e un inferior para a reposición de camiños veciñais no tronco do vial de conexión, un desprazamento de pilas no tronco da A-54 para aloxar o tramo de trenzado e un muro de 356 m de lonxitude no ramal de saída da AP-9 dirección Santiago de Compostela.
O prazo de execución da obra é de 30 meses e a execución efectúaa a UTE Francisco Gomez-Arias Irmáns-Taboada e Ramos, creada por tres empresas galegas. O custo total resulta de sumar o montante da execución, 19,1 millóns, cos custos derivados de proxectos e expropiacións necesarias.

