Compostela, 2 de xullo do 2021 – A Xunta de Galicia programa para a edición deste ano de Atardecer no Gaiás un total de 16 concertos ao aire libre os xoves e venres do verán.
Atardecer No Gaiás comezará o 8 de xullo e rematará o 27 de agosto. A programación de artistas ofrece estilos que van desde a música urbana, trap, indie, pop, reggaeton, electrónica ata composicións folks e de raíz. Máis da metade dos grupos son galegos.
Como vén sendo habitual, Atardecer no Gaiás celebrarase na praza central da Cidade da Cultura ás 21,00 horas para facer coincidir as actuacións co solpor. Os concertos serán de pago a 3 euros por actuación, cuxas entradas sairán á venda proximamente e periodicamente de xeito semanal, a través da plataforma web de ataquilla.com.
Nos vindeiros días estarán dispoñibles as entradas para os concertos do xoves 8 e venres 9 de xullo cos que botará a andar o ciclo: o pop tropicalista do dúo Tulip e a mestizaxe cultural do cuarteto Helen & Shanna, e que teñen en común que ambos grupos son de Vigo.
Un rapeiro de éxito e tamén novos artistas emerxentes
A semana seguinte abrirá o ciclo o rapeiro madrileño Recycled J. Os temas compostos por este vinteañeiro de Carabanchel acumulan máis dun millón de ointes mensuais en plataformas dixitais como Spotify e máis de 60 millóns de visualizacións na súa canle de YouTube.
E dun rapaz novo que está a triunfar a outros emerxentes e de Galicia, Sherchelios e Battosai, dous grupos que están a procurar o seu camiño no mundo da música e que de seguro que o feito que fosen gañadores dos premios Xuventude Crea na categoría musical serviralles de pulo.
Coa súa actuación conxunta no Atardecer no Gaiás procúrase que o ciclo tamén serva de escaparate e proxección do talento novo da escena musical galega.
O cartel dos xoves e venres de xullo completarase coa dozura do folk e da electrónica da arxentina afincada en Madrid, Guadalupe Álvarez Luchía; co pop vitalista da cantante venezolana Georgin, e co crooner sueco Jay Jay Johanson, considerado pola crítica o “Sinatra posmoderno” polos seus sons actuais a carón do jazz.
Electrónica, pop bedroom e fado trap para agosto
Os sons da vella Europa a través do violín de Antía Ameixeiras e o acordeón de Sabela Caamaño porán o peche ao Atardecer no Gaiás do mes de xullo, que retomará as súas actuacións para os solpores de xoves e venres de agosto coa cantautora donostiarra Sara Zozoya, cuxos temas teñen estado nos número 1 das cadeas de radio máis escoitadas de Euskadi.
As postas de sol na Cidade da Cultura no mes de agosto tamén estarán musicadas pola orixinalidade interpretativa de Daniel Lumbreras, músico catalán que só canta con fonemas, a electrónica melancólica da viguesa BabyKazte, e dunha das nova promesas do pop underground, a murciana Firmado, Carlota.
O coñecido compositor e músico compostelán Alfonso Espiño completará o cartel de Atardecer no Gaiás de agosto, do que tamén formará parte a actuación da madrileña Valdivia, representante actual do estilo intimista pop bedroom. Finalmente, porán peche ao ciclo deste ano, que conta coa colaboración do Inaem (Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música), o anovador fado trap do portugués Pedro Mafama e o elegante R&B e soul electrónico do dúo galego Blanco Palamera.