Arzúa, 7 de xaneiro do 2021 – O concello de Arzúa vén de asinar un convenio de colaboración coa AECA (Asociación de Empresarios da Comarca de Arzúa) para a xestión da campaña Arzúa, a túa tenda.
Trátase dunha iniciativa destinada a reactivar e fomentar a economía local mediante a emisión de bonos para o consumo no municipio. Arzúa, a túa tenda ten como obxectivo apoiar o desenvolvemento local e reducir os efectos da crise no sector comercial e hostaleiro.
O concello de Arzúa emitirá bonos por importe de 50 euros ( 30 euros será o custe de adquisición para os veciños e veciñas e 20 euros que sufragará o propio concello) para realizar compras directas nos establecementos que se adhiran á campaña.
As persoas do sector do comercio e da hostalaría do municipio interesados en participar na iniciativa deben poñerse en contacto coa AECA para xestionar a súa adhesión. Como entidade colaboradora AECA xestionará as citadas subvencións e asesorará aos interesados na súa tramitación.
O concello de Arzúa e a AECA anunciarán a través da radio local e das súas respectivas redes sociais o momento no que a veciñanza de Arzúa poida comezar a adquirir, na sede da asociación de empresarios, as tarxetas bono para gastar nos establecementos que se adhiran.
Arzúa, a túa tenda terá vixencia, en canto ao gastos dos bonos, ata o día 12 de marzo de 2021 e será compatible co período de rebaixas.