Boqueixón, 3 de marzo do 2017 – CoidarNos, o programa de apoio a persoas coidadoras de familiares en situación de dependencia que deselvolve o Concello de Boqueixón, será presentado na IV Conferencia Nacional del Paciente Activo, que acolle o Palacio de Congresos da cidade de Oviedo mañá sábado.
CoidarNos foi seleccionado para formar parte da sesión de comunicacións de experiencias desta conferencia e, así mesmo, estará presente no IX Congreso Nacional de Atención Sanitaria al Paciente Crónico, a través dun póster no que se describen os obxectivos e características do programa, que estará exposto os tres días de duración do congreso, celebrado nas mesmas instalacións da cidade asturiana.
Nado en maio de 2016, CoidarNos ten desenvolvido ata o momento 9 sesións nas que o obxectivo fundamental é satisfacer as necesidades emocionais derivadas do exercicio do rol de coidadora habitual.
A traballadora social, Ana Anta Fernández, e a psicóloga, Yolanda Neira Cristobo, promotoras e coordinadoras do programa, expoñerán en Oviedo as características deste e as conclusións profesionais extraídas nos 9 meses que leva funcionando este grupo de apoio, entre as que destacan o efecto terapéutico da interacción grupal entre persoas que están a vivir unha mesma situación.