Compostela, 7 de decembro do 2021 – Tres xornadas de música, libros e cociña cajún porán fin ao Outono Códax 2021.
Comezando pola gastronomía A Carrilana, o Flamingo e o Riquela acollerán dende o xoves ata o sábado as xornadas gastronómicas de cociña cajún. Unha comida típica de Luisiana e Nova Orleans e que recolle a inspiración franco canadiense mesturada cos produtos de esa zona.Cada local ofrecerá tres propostas durante eses días.
Libros e charlas
O escritor e xornalista Fernando Navarro presentará o venres (Riquela Club, 18 h) o seu libro «Maneras de vivir», presentación na que tamén participarán Carlangas (Novedades Carminha) e o codirector da revista musical Ruta 66, José Ortega. «Maneras de vivir» relata o percorrido que o xornalista realizou polas rúas de Madrid durante os meses máis duros da pandemia para descubrir como loitaban por sobrevivir algúns dos locais e personaxes máis xenuínos da cidade.
O sábado (Riquela, 11.30) terá lugar a Xuntanza «Walking to New Orleans», na que participarán os músicos Aurora Nealand e Carlos Childe, o escritor e músico Tom Sancton e o xornalista e escritor Jacobo Rivero. No transcurso desta xutanza Rivero poresentará o seu libro «Bulbancha: música, calle y resistencias desde Nueva Orleans».
E por suposto música
No apartado de música en directo, o festival propón tres concertos. O primeiro deles ten como protagonista ao músico coruñés Néstor Pardo, quen chega o xoves ao Riquela Club (21 h) para presentar a reinvención do seu proxecto persoal. Finiquitado o proxecto de Pardo, o músico retoma o seu nome completo para comezar un novo camiño influenciado pola música africana, os espirituais e o gospel.
O venres, na sala Capitol (21 h) actuarán Big Daddy Wilson e Arurora Nealand & The Royal Horses. O músico de Carolina do Norte ten xirado por máis de 15 países diferentes nos últimos 25 anos. A súa música combina o blues co soul, R&B, country e góspel. Aínda que o propio Wilson apunta que “o blues é a raíz, todo o demais é a froita”.
Aurora Nealand converteuse nunha das artistas máis destacadas da escena musical de Nova Orleans. É principalmente recoñecida polas súas interpretacións con saxofóns, clarinete e voz e sitúase na vangarda do rexurdimento do jazz tradicional como unha referencia fundamental entre a xeración máis nova de músicos da cidade.
O derradeiro concerto do Outono Códax 2021 correrá por conta de The Allnight Workers. Unha década despois da súa desaparición, o grupo reúnese de novo o sábado (Riquela Club, 19 h) para esta ocasión. As entradas para este concerto xa están esgotadas.
A programación «Fin-de Festa» do Outono Códax 2021 inclúe tamén dúas pinchadas que terán lugar no Riquela Club o venres e o sábado a partir das 11.30 h. A do venres correrá por conta de Julián Maeso (Combo Paradiso) e a do sábado será de Carlangas (Novedades Carminha).