Skip to content
Lindeiros

Lindeiros

Lindeiros, o xornal da bisbarra de Compostela e da súa capital,

Primary Menu
  • Xeral
  • Axenda
  • Concellos
  • Contacta
  • Axenda
  • Compostela
  • Xeral

Cineuropa celebra 40 anos

Cineuropa celebra os seus corenta anos co palmarés dos grandes festivais internacionais e as estreas máis agardadas do cinema galego

cineurop a40 aniversario 2 novembro 206

Compostela, 04/11/2026 – Do 6 ao 22 de novembro Cineuropa ofrecerá máis de 150 películas en dezasete días de programación, cunha selección que reúne os títulos máis destacados da tempada internacional.

A programación inclúe o Oso de Ouro de Berlín, o León de Ouro de Venecia e boa parte do palmarés de Cannes, ademais dos novos filmes de Mike Leigh, Nanni Moretti, Ryusuke Hamaguchi e Pawel Pawlikowski.

Cineuropa celebrará desde este venres e ata o 22 de novembro a súa 40ª edición cunha programación de máis de 150 películas que reúne algúns dos títulos máis destacados da tempada, premiados nos principais festivais internacionais, novos traballos de cineastas fundamentais do cinema contemporáneo e unha ampla representación do audiovisual galego, con varias estreas en Galicia.

A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, o director da 40ª edición de Cineuropa, José Luis Losa, a deseñadora de Costa.io Patricia Portela, adiantaron este venres en rolda de prensa os aspectos máis destacados da programación e reivindicaron a memoria e a diversidade de ollares do festival.

A dicir de Míriam Louzao: «Se algo permaneceu ao longo destes 40 anos foi a vontade de descubrir outras historias, outras cinematografías e outras maneiras de mirar o mundo. Aí reside boa parte do valor de Cineuropa: na súa capacidade para achegarnos un cinema diverso, abrir espazos de reflexión e facer da experiencia cinematográfica algo compartido».

José Luis Losa amosouse especialmente satisfeito coa escolma de filmes que conforman a 40ª edición e puxo en valor a selección de filmes do Panorama Audiovisual Galego: «Practicamente todas as longametraxes galegas relevantes que presentamos este ano terán a súa primeira proxección en Galicia, e algunhas mesmo a súa estrea internacional. Ademais, contamos con presenza galega na sección competitiva, tanto cunha produción propia como cunha coprodución».

O director de Cineuropa salientou ademais que entre os títulos que se poderán ver no festival “contamos practicamente coa totalidade dos palmarés de Cannes, San Sebastián e Berlín, pero non escollemos as películas polo feito de seren premiadas, senón porque consideramos que son as mellores. Naturalmente, a última palabra téñena os espectadores”.

Á importancia que se concede á ollada do público aludiu tamén Patricia Portela, deseñadora de Costa.io, ao afondar na nova imaxe do festival. Para Portela, «Cineuropa ten unha comunidade moi propia. É un festival que pertence á xente e pertence á cidade. Por iso, desde o principio tivemos claro que a nova identidade tiña que falar das persoas e situalas no centro».

As intervencións coincidiron en destacar o carácter singular dunha edición que combina a celebración da memoria colectiva do festival cunha mirada ao presente e ao futuro do cinema. Un aniversario que Cineuropa conmemorará cunha programación especial, retrospectivas, encontros, actividades paralelas e recoñecementos a figuras que contribuíron á súa historia, sen perder a vocación de descubrimento e apertura a novas cinematografías que o caracteriza desde os seus inicios.

O palmarés dos grandes festivais e os novos filmes de autores fundamentais

As seccións oficiais europea e internacional ofrecerán unha ampla representación do palmarés do pasado Festival de Cannes. Entre os títulos seleccionados atópanse Fjord, de Cristian Mungiu; Minotauro, de Andrey Zvyagintsev; Fatherland, de Pawel Pawlikowski; All of a Sudden, de Ryusuke Hamaguchi; Coward, de Lukas Dhont, e Notre Salut, de Emmanuel Marre. A selección complétase con Moulin, de László Nemes; Nagi Notes, de Koji Fukada, e Teenage Sex and Death at Camp Miasma, de Jane Schoenbrun.

Cartaz de Cineuropa 2016
XCartaz do 2016 conmemorativo dos 30 anos

Cineuropa incorporará tamén títulos destacados da Berlinale, como Yellow Letters, gañadora do Oso de Ouro; Everybody Digs Bill Evans, recoñecida co Oso de Prata á mellor dirección, e Rose, pola que Sandra Hüller recibiu o Oso de Prata á interpretación.

O programa inclúe, ademais, películas de cineastas cunha longa relación coa historia do festival. O británico Mike Leigh presentará Tender Loving Care, galardoada coa Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián e anunciada como a súa despedida do cinema. Tamén estará presente o italiano Nanni Moretti con Mañana sucederá, presentada na Mostra de Venecia.

A gañadora do León de Ouro veneciano, Woman Unknown, da directora danesa May el-Toukhy, e Josephine, de Beth de Araújo, triunfadora en Sundance, son outras das citas destacadas dunha edición que volverá achegar a Compostela algúns dos títulos máis relevantes do cinema internacional.

A película de inauguración será Nina Roza, da cineasta canadense Geneviève Dulude-De Celles, recoñecida co premio ao mellor guión na Berlinale.

O cinema galego, con estreas absolutas en Galicia

A creación audiovisual galega ocupará un lugar destacado na programación de Cineuropa 40, que ofrecerá as estreas en Galicia de catro longametraxes: Tralovento, de Eloy Domínguez Serén; Todo es cárcel, de Eloy Enciso; Adiós, ríos, de Sebastián Uría, e As augas, a primeira película como directora de Ledicia Sola, que será a encargada de clausurar o festival.

O festival acollerá tamén a estrea mundial de Hoxe e o resto do mundo, de Cecilia Díaz Betz, un documental que se achega ás facetas vitais e artísticas de Isaac Díaz Pardo e Mimina Arias de Castro; e de Conversations with the Dead, de Fernando Cortizo, unha investigación sobre o paranormal. Completa esta presenza Die Gäste (Os invitados), de Cristina Diz e Stefan Butzmühlen, coprodución galego-alemá ambientada en 1973.

A programación galega inclúe ademais Crías, de Xiana do Teixeiro; El milagro, de David Varela; Alén dos silencios, de Carmen PG Granxeiro; Todo pode esperar, de Borja Casal; Ribadafonte, de Alberto Sacido; Prisciliano e a Gallaecia, de Aser Álvarez; Bar Boo, de José Araujo; Lodeiro. O documental, de Alex Penabade e David Hernández; e O sonho da razom, de Alberte Pagán.

Estas estreas amosan a diversidade de propostas e de traxectorias que conviven no audiovisual galego, desde cineastas con percorridos consolidados no cinema de autor ata novas incorporacións á dirección. A súa presenza reafirma a vontade de Cineuropa de ofrecer unha plataforma para descubrir a produción propia e favorecer o encontro entre as películas e o público.

Premios Cineuropa: Felipe Lage, Laia Marull, Robert Guédiguian e Moisés González

A 40ª edición de Cineuropa distinguirá co seu máximo galardón o produtor galego Felipe Lage, figura clave no desenvolvemento do Novo Cinema Galego; a actriz catalá Laia Marull, gañadora de tres premios Goya e cunha traxectoria destacada no cinema, o teatro e a televisión; e o cineasta francés Robert Guédiguian, referente do cinema social europeo e autor dunha filmografía estreitamente vinculada á historia do festival.

A estes recoñecementos sumarase un Premio Cineuropa a Moisés González, quen durante 36 anos traballou como técnico do Teatro Principal e foi un dos proxeccionistas do certame. Con esta distinción, que se entregará na gala inaugural, o festival quere render homenaxe a todas as persoas que, desde detrás da pantalla, contribuíron ao longo destas catro décadas a facer posible Cineuropa.

Seccións paralelas: corenta anos de Cineuropa e unha homenaxe a Hitchcock

Entre as seccións paralelas desta edición especial, Cineuropa 40 anos recupera grandes títulos que pasaron polo festival ao longo da súa historia, nun percorrido pola memoria cinematográfica destas catro décadas.

A selección recupera filmes como Orlando, de Sally Potter; Amén., de Costa-Gavras; A vida dos outros, de Florian Henckel von Donnersmarck; Withnail and I, Sid & Nancy ou The reflecting skin. Tamén inclúe filmes de cineastas estreitamente vinculados ao festival, como Ken Loach, Claude Chabrol e François Ozon, e concede un lugar destacado a Peter Greenaway, con catro películas que evocan a súa influencia nos primeiros anos de Cineuropa.

A outra gran retrospectiva da edición estará dedicada ás películas imperecedoiras de Alfred Hitchcock e ás súas actrices. Baixo o título As inmortais de Hitchcock,a sección rende homenaxe a seis intérpretes vinculadas ao universo do cineasta —Eva Marie Saint, Vera Miles, Tippi Hedren, Kim Novak, Shirley MacLaine e Julie Andrews—.

Xurado Internacional

O xurado internacional estará formado por Àngel Quintana, catedrático de Historia e Teoría do Cinema na Universidade de Girona e crítico cinematográfico; Frédéric Maire, cineasta e xornalista, exdirector da Cinemateca Suíza; e Lucía Solla Sobral, escritora galega autora de Comerás flores, recoñecida cos premios Ojo Crítico de Narrativa e Cálamo ao Libro do Ano en 2025.

Sedes do festival e información práctica

O Teatro Principal, o Salón Teatro, o Auditorio de Galicia, NUMAX, e a Zona C abeirarán as proxeccións e actividades desta edición. As entradas e bonos estarán á venda a partir do próximo mércores 4 de novembro no despacho de billetes da Zona C e na web compostelacultura.gal.

Post navigation

Previous: Manuel Martínez Pan, delegado da ONCE na Galiza: “Lamas, unha persoa cega, foi pioneiro do xornalismo”
Next: Ames aproba un novo crédito extraordinario de 1,4 millóns de euros

Máis novas

bng maes parquing milladoiro 6 novembro 2026
3 minutes read
  • Xeral

As incógnitas do aparcadoiro do Milladoiro

deputacion via verde remata en marzo 6 de novembro 2026 (1)
4 minutes read
  • Xeral

A Vía Verde podería estar rematada en marzo

KD&L
3 minutes read
  • Axenda

Kitty, Daisy e Lewis abren o Outono Códax Festival

Sesión constitutiva IX Lexislatura
3 minutes read
  • Xeral

Os colexios seguen pedindo reformas

Teo: Mara Cajaraville foi afeccionada aos cabalos dende que era moi pequena. Fotos familiares
5 minutes read
  • Xeral

San Martiño 2026

noia vai de tapas 5 novembro 2026 (2)
4 minutes read
  • Xeral

Noia vai de tapas

ames aproba novo credito para gastos ordinarios 2 novemro 2026
10 minutes read
  • Ames

Ames aproba un novo crédito extraordinario de 1,4 millóns de euros

foto manuel martínez ONCE
5 minutes read
  • Compostela

Manuel Martínez Pan, delegado da ONCE na Galiza: “Lamas, unha persoa cega, foi pioneiro do xornalismo”

Etiquetas

25N (53) alcaldes (78) asociacións e fundacións (2086) Ciencia (115) Comercio e empresa (665) Coronavirus (278) Crechas (38) Cultura (2830) Curtocircuito (40) Deportes (751) Economía (450) Educación (778) eleccions (50) Emprego (244) Entroido (42) Festas e Feiras (623) Festivais (837) Galego (146) Institucións (1441) lixo (88) Mancomunidade de Ordes (45) Mandingo (92) Medio Ambiente (1626) muller (187) Nadal (200) Obradoiro Cab (79) o máis lido da semana (55) Patrimonio (832) Plataforma Casalonga limpa de residuos (81) Plataforma Veciñal Mina Touro O Pino NON (42) Plenos (738) Politica (951) saúde (534) Servizos (2704) sindicatos (109) Social (567) sucesos (133) Tabernalia (184) Tecnoloxía (46) Transporte e estradas (703) Turismo (223) Universidade (588) urbanismo (265) xuntas de goberno (37) Xustiza (120)
  • Facebook
  • X
  • Instagram
  • BSky
  • Youtube
  • Whatsapp
Copyright © 2026 All rights reserved. | MoreNews by AF themes.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para garantir o correcto funcionamento do sitio web, medir o seu uso e mellorar os nosos servizos. Podes aceptar todas as cookies, rexeitar as non necesarias ou configurar as túas preferencias. Política de cookies

Configure cookies

Necesarias para que o sitio web funcione correctamente. Non se poden desactivar desde este panel.

Axudan a medir o uso do sitio web e a mellorar os seus contidos.

Permiten publicidade, medición de campañas ou personalización de anuncios.

Gardan preferencias ou permiten contido externo non necesario.