“Anoche conquisté Tebas” de Gabriel Azorín convértese na primeira película con produción galega que obtén o máximo galardón de Cineuropa.

Por primeira vez unha película galega obtén o máximo galardón de Cineuropa. A longametraxe de Gabriel Azorín “Anoche conquisté Tebas” foi elixida polo Xurado Oficial do certame como o mellor filme da sección Cineastas do Presente, que lle outorgou tamén o premio ao mellor guión e distinguiu o seu elenco ao completo coa mellor interpretación, un cadro de actores que se bañan e conversan nas termas de Bande e logran transportarnos á Roma Antiga.
Este triunfo cobra ademais un valor de singularidade histórica porque é a primeira ocasión que unha película con parte da súa produción galega, a cargo de Filmika Galaika, obtén o máximo galardón da sección oficial competitiva de Cineuropa, Cineastas do presente.

O xurado internacional de Cineuropa, composto pola xornalista, crítica e profesora de comunicación catalá, Eulàlia Iglesias, o cineasta e escritor asturiano Ramón Bande, un dos referentes do cinema español de non ficción, e a produtora arxentina Florencia de Mugica, especializada en obras de cineastas emerxentes, rubricou este triunfo absoluto de “Anoche conquisté Tebas”.
A película, primeira longametraxe do director Gabriel Azorín, foi seleccionada na pasada Mostra de Venecia, na sección Giornate degli Autori e é unha proposta de inmersión na atmosfera do pasado da Roma antiga, a partir dun uso de linguas como o latín e de conversacións sostidas nunhas termas que comezan por ser as dun tempo presente pero van transitando cara a unha evocación doutra era, a partir dun portentoso traballo de iluminación nocturna e dun guión de brillantez case inabarcable.

No palmarés oficial hai unha segunda película especialmente recoñecida, o filme croata “God Will Not Help (Deus non axudará)”, que recibe o premio á Mellor Dirección para Hana Jušić e tamén o de Mellor Interpretación Feminina para a formidable actriz chilena Manuela Martelli. Martelli, que é tamén directora, presentou na 36ª edición de Cineuropa (2022) a súa longametraxe 1976, que obtivo tamén o premio á interpretación.
O xurado de Cineuropa outorga o seu Premio Especial á película paraguaia “Bajo las banderas”, el sol, na cal Juanjo Pereira, a través dun inxente material de arquivo nunca antes visto, recupera a figura do ditador Alfredo Stroessner, quen gobernou aquel país case corenta anos e logrou pasar case desaparecido baixo o radar informativo e mesmo ser recibido internacionalmente nas cancillerías de países europeos como Francia ou Alemaña, nunha xira que foi pagada polo ditador español Francisco Franco.
Juanjo Pereira explicou en detalle o seu traballo durante a súa estancia en Cineuropa cun filme que xa obtivo o Premio á Mellor Película no Festival de Cinema Independente de Bos Aires e o Premio do público na pasada Berlinale.
E o palmarés oficial desta 39ª edición de Cineuropa complétao a Mención Especial que o xurado realiza ao guión do filme tailandés “A Useful Ghost (Unha pantasma útil)”, película que mestura o fantasmal co político, ao relatar como o espírito dunha muller morta comeza por manifestarse a partir da comicidade dunha aspiradora.
A partir de aí, fía un relato que se eleva como metáfora poética que reivindica a memoria dos desaparecidos nun réxime totalitario. Unha pantasma útil obtivo en Cannes o premio a Mellor Película na Semana da Crítica.
Premios do Xurado Novo
A película tailandesa de “Rachtapoom Boonbunchachoke” foi merecedora do premio á Mellor Película polo Xurado Novo do festival. Este xurado, integrado nesta edición por Irene Álvarez, Marie González, João Rebocho, Alicia Ruiz, César López, Lucía Martínez e Lola Toval, premiou tamén a alemá Mascha Schilinski como Mellor Directora por “Sound of Falling”, que aborda a historia dunha casa de campo e de tres xeracións de mulleres que a habitaron.
“Sound of Falling” obtivo en Cannes o Premio do Xurado, ex aequo co Sirāt de Oliver Laxe. O palmarés do Xurado Novo complétano o premio a Mellor Guión ao portugués Pedro Pinho polo envolvente achegamento ao neocolonialismo en África desenvolvido en “O riso e a faca” e os premios de interpretación para Tânia Maria, Mellor Actriz polo filme brasileiro de Kleber Mendonça Filho O agente secreto e para Osvaldo Sánchez, o mozo que establece relacións con camioneiros na película de David Pablos En el camino, que acaba de gañar a sección Orizzonti na Mostra de Venecia.
