A falta de profesorado é unha das principais reivindicacións das comunidades escolares, queixas que foron expostas polo sindicado CIGA nunha rolda de prensa

Comezo do curso e queixas son dous conceptos que nos últimos anos veñen xuntos. Xa sexa polo estado dos edificios ou pola falta de profesorado as ANPAS e os sindicatos teñen traballo desde antes de comezar as clases.
O sindicato CIG daba onte unha rolda de prensa na que falaba das múltiples casuísticas e queixas que se dan nas áreas de Compostela e Barbanza. Un panorama que ven provocado en moitas ocasións por recortes de persoal e prazas de xubilacións que non se cobren.
Unha serie de problemas polos que está convocada unha manifestación o vindeiro sábado día 13 en Compostela, e que reunirá a familias, docentes e sindicatos para mostrar a desidia da administración antes problemas que se repiten ano a ano.
O secretario comarcal da CIG-Ensino, Rubén Monteagudo, falou na comparecencia antes os medios dos recortes de profesorado. Xubilacións que non foron repostas nos últimos anos e á negativa a dotar con especialistas para atender á diversidade que demandan os centros, súmanse outras 10 vacantes aínda por cubrir por baixas médicas, reducións de xornada ou permisos.
Este ano, ademais dos recortes que realiza tradicionalmente a Consellaría a remate dun curso, sobre todo amortizando xubilacións de especialidades que considera minoritarias (Música, Latín, Grego, Debuxo, Filosofía…), uniuse o adianto da data de inicio do novo, o que leva a que a estas alturas en algúns centros aínda non se puideran repartir os horarios ao alumnado ou a que o profesorado non puidera iniciar a elaboración das programacións didácticas.
“Isto era algo que advertiu a CIG-Ensino e que finalmente se demostrou que tiñamos razón porque aínda que as direccións traballaron arreo durante o verán, o persoal provisional non chega até o 1 de setembro aos centros, polo que é imposible organizar en 5 días todo”, explicou Rubén Monteagudo.
A situación nos colexios de infantil e primaria
Nestas etapas aumentaron moito as medias xornadas e as afíns. Isto é, un especialista que ten que impartir outras áreas e que até o de agora era algo máis común en secundaria. Como exemplo Monteagudo sinalou varias prazas que saíron con este tipo de perfís: Primaria con afín Pedagoxía Terapéutica, Primaria con afín Inglés, Música con afín Primaria…
“Ademais dos problemas xa explicados hai casuísticas concretas nos centros que nos foron chegando estes días e que finalmente nalgúns casos a base de presionar conseguiuse a dotación que se precisaba como no colexio de Roxos, pero noutros seguen pedindo máis medios. É o caso, na propia cidade de Santiago do CEIP Monte dos Postes que reclama dous especialistas en Pedagoxía Terapéutica e un en Audición e Linguaxe para atender o alumnado coas necesidades mais graves e permanentes; no CEIP López Ferreiro que precisaría dun AL máis; no CEIP Rodríguez Cadarso de Noia a quen lle suprimiron un docente de primaria e outro de inglés e que ten que compartir persoal coidador para atender alumnado con gran discapacidade e dependencia co IES San Alberto, no CPI Os Dices de Rois que non contan co docente de primaria que tiveron o ano pasado a media xornada a cambio de non realizar desdobres e que teñen maior diversidade este curso; na EEI do Milladoiro que tamén viron minguado o seu cadro de persoal nun PT e medio menos malia contar con 14 nenos e nenas con necesidades educativas especiais dun total 195 matrículas. O mesmo acontece no CEIP de Pedrouzos de Brión que reclama un mestre ou mestra de apoio en infantil polo número elevado de alumnado con discapacidade e de nova incorporación ou no CEIP de Melide que quedan con 26 alumnos e alumnas en 4º de primaria ao non autorizárselle un desdobre.
Son só algún casos que nos chegaron estes primeiros días pero aínda non nos deu tempo a visitar os centros e estamos seguros de que hai moitos máis recortes. Ademais, durante o verán xa se publicara a eliminación dunha unidade de educación especial do CEIP Barrié de la Maza de Santa Comba”.
Na comarca do Barbanza os recortes están sendo especialmente virulentos este curso. Hai dous conflitos abertos moi relevantes. Por un lado, no CEIP O Grupo (Ribeira) vimos de asistir á dimisión do seu equipo directivo porque non lle cobren a titoría dun curso de 3º pese a que a titular ten concedida unha comisión de servizos. Non se substituíu desde xuño e a solución que propón a Consellaría é unha cotitorización entre unha persoa titora e as horas de garda que lles queden libres ao resto de profesorado, dando como resultado que cada día e cada hora un mestre distinto lles imparta clase a ese alumnado, unha situación totalmente insólita. Así, no CEIP Ana María Diéguez (Rianxo) as familias seguen sen levar os nenos e nenas ás aulas para exisir un desdobre nunha aula de 5º de primaria, que ten 24 alumnos e alumnas pero que computan como 28 polas súas necesidades especiais. Tamén solicitan contar con praza a tempo completo de AL e PT.
Ademais, no CEIP Brea Segade de Rianxo teñen un problema coas vacantes compartidas de AL e Orientación que non permiten atender as necesidades máis graves. Pola súa banda, no CEIP Praia Xardín (Boiro) hai falta de profesorado de atención a diversidade e tamén de persoal coidador e no colexio de Portosín non cubriron unha xubilación de infantil. Ademais destaca a falta de aposta polos centros rurais evidenciada na perda de 4 docentes no CRA de Rianxo.
Polo demais, hai varios centros que non puideron preparar con normalidade o inicio de curso por mor das obras como o CEIP de Calo, no que tamén hai un especialista de AL menos que o curso pasado, o IES Eduardo Pondal ou o IES A Pontepedriña. En todos eles convive a realidade das aulas cos traballos de reforma nos que o sindicato pide que se extreme a seguridade.
Secundaria e FP, as peores condicións de traballo en décadas
Nestas dúas etapas educativas o profesorado transmítelle á CIG-Ensino a súa total fartura por atoparse no contexto laboral máis complexo desde hai moitos anos. O feito de que Galiza sexa a única comunidade que mantén as 20 horas lectivas de todo o Estado, o incremento das ratios nos institutos da comarca tanto por aula como por docente que neste último caso pode chegar a ser de 1 para 200, a xestión de conflitos nas aulas e coas familias ou a excesiva burocracia á que están sometidas as ensinanzas de secundaria, ESO e FP son lacras que ano a ano, lonxe de aliviarse, aínda se ven incrementadas.
Porén, e malia non contar estes centros cun catálogo de postos de traballo que permita comparar dun curso para outro a evolución do número de profesorado, o que si é unha realidade é que hoxe, terceiro día de clase, aínda hai vacantes sen cubrir por baixas por enfermidade, reducións de xornada ou permisos por nacemento no IES Poeta Añon, no IES Xulián Magariños, no IES Macías O Namorado, no IES de Arzúa, no IES Virxe do Mar, no IES Terra de Xallas ou no CIFP Politécnico.
Nos centros nos que se imparte Formación Profesional, que son cada vez máis, este curso coincide ademais coa implantación da reforma da FP que incrementa o número de horas de formación nas empresas e inclúe novos módulos, algún dos cales non ten aínda elaborado o currículo. Ademais, cambia a aplicación para realizar as programacións didácticas que está dando múltiples erros informáticos e o profesorado viu como se lle incrementou notabelmente o número de módulos a impartir chegando a ter até 10 ou 11 diferentes, como é o caso do de FOL ou de Inglés.
Mais o que máis preocupa de toda a reforma ao profesorado de FP é o deterioro na calidade destas ensinanzas polas decisións tomadas pola Consellaría que reducen o tempo de docencia nos centros de ensino de módulos eminentemente profesionais á metade da duración dos ciclos.
Na Escola Oficial de Idiomas, na Escola Superior de Arte e Deseño Mestre Mateo e no Conservatorio profesional as clases non comezarán até o día 15 polo que de momento non transcendeu ningunha incidencia.
