займ срочно

Ciencia singular sen moverse da casa coa USC

0

Compostela, 27 de novembro do 2020 – A Rede de Centros Singulares de Investigación (RCSI) da USC celebra este sábado 28 de novembro unha nova edición da xornada anual de divulgación Ciencia Singular.

Ciencia Singular naceu para amosar á sociedade o labor de excelencia que realizan os catro centros que integran a Rede. A pandemia por mor da COVID-19 obrigou a reformular o formato habitual deste evento que chega xa á súa cuarta edición, a primeira delas que se desenvolverá en liña.

Edificio do Citius

Charlas en directo con expertos, visitas virtuais aos laboratorios ou experimentos conformarán o percorrido por este ecosistema científico. A iniciativa permitirá coñecer segundo a organización “o valor engadido que esta Rede está a achegar á mellora da calidade de vida das persoas, non só na nosa contorna máis próxima, senón tamén a nivel global”.

Química Biolóxica e Materiais Moleculares

A Química é unha das ferramentas máis poderosas coas que conta a sociedade para afrontar os desafíos do século XXI. Cada día, o compromiso dos investigadores do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) permite explorar novas aplicacións en campos como a saúde (Química Biolóxica e Médica), ou a industria (Materiais Funcionais, Catálise).

En só oito anos o centro tense consolidado como referente de investigación interdisciplinaria na fronteira entre a Química, a Biomedicina e a Ciencia de Materiais, tal e como se poderá comprobar na cuarta edición de ‘Ciencia Singular’. Charlas en streaming, un tour virtual ou experimentos científicos pensados para os máis pequenos serán algunhas das actividades que nutrirán a xornada.

Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas

O Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) traballa na prevención, comprensión e tratamento das enfermidades crónicas en áreas como Cancro, Endocrinoloxía, Cardiovascular, Neurociencias, Xenética e Bioinformática, Nanomedicina ou Desenvolvemento de Fármacos.

O CiMUS tamén tomará parte nesta xornada en liña de divulgación científica con visitas virtuais, demostracións en laboratorios con microscopios de última xeración ou charlas divulgativas.

Tecnoloxías Intelixentes

O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) traballa no desenvolvemento dunha nova xeración de tecnoloxías intelixentes que integren a Intelixencia Artificial (IA) nos diferentes niveis existentes entre o mundo físico e o cognitivo. O obxectivo é tirar proveito das potencialidades da IA na resolución de problemas cada vez máis complexos e poñela ao servizo das persoas, garantindo a transparencia e a confiabilidade. Entre as súas múltiples aplicacións, tal e como se poderá comprobar en ‘Ciencia Singular’, figuran eidos como a saúde, a industria, o transporte ou as cidades intelixentes.

Nesta primeira edición virtual, o CiTIUS propón un innovador formato de visita ao Centro a través dun evento en directo en Youtube conducido por un recoñecido divulgador científico.

Física de Partículas, Astropartículas e Nuclear

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) é un centro acreditado como Unidade de Excelencia “María de Maeztu”. Dende a súa fundación, colabora en grandes infraestruturas internacionais como CERN. O  IGFAE organizou para esta xornada un programa de relatorios virtuais que cobren as tres áreas estratéxicas nas que o instituto divide a súa investigación: o Modelo Estándar ata os límites, Partículas cósmicas e física fundamental e Física nuclear dende o laboratorio para mellorar a saúde das persoas.

Os relatorios serán emitidos pola canle de Youtube do  IGFAE, en cuxo chat o público poderá participar en directo coas súas preguntas.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies