Padrón, 14 de setembro do 2017 – O Club Ciclista Padronés comeza hoxe a participación na Volta a Galicia co obxectivo de mellorar o terceiro posto de Gregori o ano pasado e segundo de Montenegro en 2015 reeditando as vitorias logradas en 2013 e 2014.
O Cortizo-Anova disputa desde hoxe en Monforte de Lemos a Volta a Galicia, o seu gran obxectivo do final de tempada, co reto de alzarse coa súa terceira Volta a Galicia do últimas cinco edicións e disposto a dar continuidade aos seus éxitos logrados na gran proba do calendario autonómico nos últimos anos.
Gañador en 2013 con Pedro Gregori e en 2014 con Aitor González, o equipo padronés acode a esta edición disposto a loitar novamente polo triunfo, que os dous últimos anos escapóuselle por moi pouco tendo que conformarse co segundo posto na xeral de Jorge Montenegro en 2015 e co terceiro posto de Pedro Gregori en 2016.
Precisamente Gregori e Montenegro, que xa saben o que é brillar na Volta a Galicia, estarán acompañados por un bloque que Branco Villar confeccionou cos corredores en mellor forma do equipo: Aser Estévez, Raúl García de Mateos, Javier Canteiro, Marc Sánchez e Paulo Silva. Un Padronés que demostrou en Valencia e Cantabria durante as dúas últimas semanas que chega nun bo momento á rolda galega, a pesar da que sorte non estivo do seu lado.
A volta galega, que constará de catro etapas e finalizará o domingo en Santiago de Compostela, arrinca cunha contrarreloxo por equipos en Monforte á que seguirá outra etapa en liña ao día seguinte con saída e meta no mesmo municipio. Despois, a rolda continuará o sábado en Lalín e finalizará o domingo na capital galega, onde se coroará ao vencedor dunha volta que este ano volve ter 4 etapas.