Padrón, 19 de xuño do 2017 – Outra boa fin de semana para o Club Ciclista Padronés que colleita éxitos en Ourense, Portugal e Cangas.
O Club Ciclista Padronés Cortizo-Anova disputou o sábado a XLI edición da Volta Ciclista ao Ribeiro, puntuable para a Copa de Galicia, levándose a vitoria por equipos na proba.
O pelotón rodou un total de 123 quilómetros pola comarca do Ribeiro (Ourense) con altas temperaturas nun percorrido con constantes repeitos. O equipo padronés, sempre atento aos cortes da xornada, conseguiu ser protagonista na proba levándose ademais da vitoria por equipos, o podio de Raúl García de Mateos, que terminou en terceira posición. Entre os 10 primeiros postos tamén terminaron Aser Estévez (6º) e Pedro Gregori (7º). Ademais, Gonzalo Cubino conseguiu a vitoria en categoría sub 23, terminando 12º na clasificación xeral.
O cadete Miguel Mera vence en Portugal
En categoría cadete, o equipo desprazou aos seus corredores á Taxa de Portugal, en Vila Nova de Famalicao. Miguel Mera, unha vez máis, fíxose coa vitoria nunha proba na que o seu compañeiro, Pablo Lueiro, terminou en 9ª posición.
As categorías inferiores, a Cangas
As categorías promesa, principiante, alevín e infantil disputaron este domingo o XIII Trofeo Club Ciclista de Cangas. Bos resultados tamén para a canteira que leva dous segundos postos: Sara Montenegro en principiantes mulleres e Elsa Montenegro en alevín feminino.