Padrón, 8 de maio do 2017 – O cadete do Cortizo-Anova Miguel Mera subiuse ao máis alto do caixón para recoller o primeiro premio, o das metas volantes e o premio da montaña. Con estes premios Miguel Mera mantén o seu liderazgo na Copa Galicia Cadete.
As categorías inferiores do Club Ciclista Padronés desprazáronse este sábado a Boiro para disputar a trixésima edición do Trofeo Promoción Ciclismo Boiro organizada polo Club Ciclista Oziona-Barbanza.
Na categoría cadete, Miguel Mera (Cortizo-Anova) volve destacar conseguindo todos os premios que se podía levar dunha proba que percorría 50,7 quilómetros. Con máis dun minuto de diferenza, Mera cruzou a liña de meta en solitario alzándose ademais de con a vitoria, coas metas volantes e co premio de montaña. O corredor do Padronés defendeu así a camisola de líder na Copa Galicia Cadete que de momento poderá seguir lucindo.
As categorías inferiores tamén realizaron un brillante traballo na súa segunda proba do ano. Laura Tenente volveu subir ao podio conseguindo o terceiro posto en categoría infantil e Nicolás Puga logrou o 2º posto en categoría promesa.