Compostela, 28 de xuño do 2017 – Comeza o verán e con el continúan as actividades programadas no Centro de Interpretación Ambiental de Compostela, o CIAC.
As actividades darán comezo o sábado 8 de xullo ás 18.30 horas cun Obradoiro de Granizados Sustentables, onde se poderá aprender a facer granizados ou zumes de froitas saudables con produtos de tempada e sen aditivos nocivos, nin para as persoas nin para o medio ambiente.
Está actividade do CIAC está dirixida a todos os públicos (nenos a partir de 8 anos). É de balde pero é preciso inscribirse. Pódese facer, ou ben no teléfono 981543145 ou enviando un email a ciac@santiagodecompostela.gal
O seguinte sábado 15 de xullo ás 12 realizarase un Roteiro guiado polas Brañas de Sar, que permitirá coñecer un entorno natural que destaca polo seu valor ecolóxico.
As persoas participantes acompañarán á auga no seu percorrido desde as Brañas ata o río Sar coñecendo e recoñecendo os seus valores naturais, os seus usos tradicionais e outras curiosidades deste fermoso entorno.
A actividade do CIAC está dirixida a todos os públicos (nenos a partir de 7 anos). É de balde pero é preciso inscribirse. Pódese facer, como no caso da actividade anterior, no teléfono 981543145 ou enviando un correo electrónico a ciac@santiagodecompostela.gal
CIAC
O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela está localizado no parque de Belvís, no edificio dun antigo curtidoiro. O CIAC quere ser un espazo aberto á participación ambiental da cidadanía e conta con recursos didácticos e actividades que axudan a comprender mellor a relación entre a cidade e o seu medio ambiente.
O CIAC está aberto para público xeral os mércores, xoves e venres de 11:00h a 14:00h. Sábados de 11:00h a14:00h e 18:00h a 20:00h. Pola semana realízanse visitas guiadas a grupos de máis de 10 persoas, previa reserva (chamando ao 981543145)