Compostela, 28 setembro do 2017 – O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela, CIAC, continúa en outubro co seu programa cun relatorio sobre a vespa velutina e un obradoiro sobre cosmética natural e o habitual roteiro polo parque de Belvís.
O xoves 5 de outubro, ás 19:00 horas, o CIAC acollerá o relatorio titulado Stop Vespa velutina, impartido pola Asociación de Apicultura Galega. Falarase sobre a alarmante situación desta especie asiática en Galicia, que vén incrementándose en número e impacto nos últimos anos. Ofrecerase información sobre a mobilización que se está a organizar polo Cantábrico a partir do 19 de outubro e que leva por título Stop Velutina.
Para o sábado 21 de outubro, ás 12:00 horas, está previsto o Obradoiro de Cosmética Natural, dirixido ao público adulto. A finalidade deste taller é dar a coñecer os axentes químicos utilizados habitualmente nos produtos de hixiene e cosmética, así como a elaboración de cremas e outras receitas a partir de ingredientes naturais e ecolóxicos.
O obradoiro é de balde pero é preciso inscribirse a través do teléfono 981 543 145 ou da dirección de correo electrónico ciac@santiagodecompostela.gal.
Este mes tampouco faltará o tradicional roteiro polo parque de Belvís. Será o sábado 28 ás 12:00 horas e está dirixido a todos os públicos (nenos/as a partir de 8 anos). A actividade tamén é de balde pero, ao igual que no obradoiro, é precisa a inscrición a través dos medios xa citados.
CIAC
O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela está localizado no parque de Belvís, no edificio dun antigo curtidoiro. O CIAC quere ser un espazo aberto á participación ambiental da cidadanía e conta con recursos didácticos e actividades que axudan a comprender mellor a relación entre a cidade e o seu medio ambiente.
O CIAC está aberto para público xeral os mércores, xoves e venres de 11:00 a 14:00 horas; e os sábados de 11:00 a14:00 e de 18:00 a 20:00 horas. Pola semana realízanse visitas guiadas a grupos de máis de 10 persoas, previa reserva chamando ao 981 543 145.