Compostela, 20 de setembro do 2018 – A mezzosoprano holandesa Christianne Stotijn, acompañada polo pianista polaco Macij Pikulski, serán os protgonistas do concerto que esta tarde terá lugar as oito e media no Teatro Principal dentro do XIX Ciclo Lied.
O Ciclo Lied está organizado pola Asociación de Amigos da Ópera de Compostela (ADOC) para o Concello de Santiago de Compostela e coa colaboración da Deputación da Coruña. O programa que interpretará Christianne Stotijn explora os repertorios de autores como Brahms, Tchaikovsky Mahler e Strauss. Catro autores do mesmo xeito que catro son os temperamentos básicos que defende a teoría dos humores que, dende a antiga Grecia, veu espertando o interese de filósofos e estudosos. Así, o público poderá escoitalos cronoloxicamente dispostos; xenios singulares con vidas intensas que empregaron o lied como un fin e medio para expresar a paixón, a desesperanza, a dor, o xúbilo e todos os sentimentos universais do ser humano.
A mezzosoprano holandesa Christianne Stotijn (Delft, 1977), prestixiosa intérprete galardoada con premios tan reputados como o ECHO Rising Stars Award, o Borletti-Buitoni Trust Award ou o Nederlands Muziekprijs, porá a voz dunha actuación na que estará acompañado polo pianista polaco Maciej Pikulski (Cracovia, 1969). Formado en Francia e cun recoñecido prestixio internacional, Pikulski cultivou unha carreira frutífera tanto de solista coma de acompañante dentro do xénero de música de cámara.
Terceira sesión
O Teatro Principal despedirá o ciclo o día 25 de setembro cunha terceira sesión titulada Canto de Cisne, na que o baixo barítono Hanno Müller-Brachmann e o pianista Matthias Alteheld interpretarán diversas composicións do romántico alemán Carl Maria von Weber e do austríaco Franz Schubert. Precisamente, os intérpretes farán un achegamento ao Schwanengesang (O canto do cisne), colección póstuma de Lied que lle dá título ao peche do Ciclo. Composto por Schubert, as pezas xorden a partir de textos de poetas como Heinrich Heine e Ludwig Rellstab.
Venda de entradas
As entradas estarán á venda a un prezo de 8 euros por sesión. As entradas terán os descontos do 50% para estudantes, xubilados, menores de 25 anos, maiores de 65, persoas desempregadas, perceptores de rendas sociais e membros de familias monoparentais ou numerosas. Poderán adquirir no horario habitual da billeteira do propio Teatro Principal. Ademais, a través da nova páxina web compostelacultura.gal, poderanse adquirir as localidades de forma telemática.
