Compostela, 31 de xaneiro do 2019 – Ata o domingo pódese ver no Salón Teatro Chola a it girl, un traballo de ArtesaCía nado das residencias do Centro Dramático Galego.
ArtesaCía é unha das cinco compañías que participan esta temporada no programa de residencias artísticas da compañía pública, que pon á súa disposición as instalacións da súa sede e o apoio do equipo técnico para ultimar ou perfeccionar as súas propostas. Chola a it girl forma parte do proxecto transmedia Chola&Lola, con creación, dirección e interpretación de Laura Villaverde. Deste xeito, ademais de no escenario, a historia de Chola desprégase través de múltiples medios e ferramentas narrativas, entre as que se atopa un canal de YouTube, un blog, perfís en redes sociais e unha tenda en liña.
Seguindo o estilo dos shows de coñecidos monologuistas, nesta comedia Laura Villaverde dálle vida á gran influencer galega Chola, cuxos trucos de beleza 100% ecolóxicos arrasan en YouTube. Agora é contratada por un teatro para realizar o seu primeiro titorial en directo, no que revelará en 10 sinxelos pasos os trucos para converterse nunha ‘It Girl rectificada’: youtuber, blogueira, mecánica de coches, traballadora do rural e piloto de rallys, ao volante do automóbil co que comparte escenario. Pero todo dá un xiro cando a protagonista recibe unha chamada en directo que a levará a confesar a súa faceta máis oculta e porá en evidencia as súas imperfeccións e humanidade, atributos nos que radica o seu éxito.
No Salón Teatro, representarase desde hoxe xoves ao sábado, ás 20,30 h., e o domingo, ás 18,00 h. Ademais, tras a función de esta noite terá lugar un encontro co público, no que os asistentes terán a oportunidade de intercambiar impresións sobre o espectáculo co equipo de ArtesaCía.
A venda anticipada de entradas xa está operativa en entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443 a un prezo de 8 euros (cos descontos habituais) de xoves a sábado e de 5 euros o domingo (tarifa única do Día do Espectador). Poderán adquirirse, así mesmo, no despacho de billetes do teatro, aberto desde dúas horas antes do comezo das funcións.