Compostela, 17 de abril do 2019 – A Cidade da Cultura de Galicia convida as familias a gozar dunha das citas clásicas do Gaiás: a Cidade Imaxinaria de Primavera que complementa a do verán.
A Cidade Imaxinaria repite no 2019 o esquema do ano pasado de dúas citas. Por unha banda o 27 de abril para festexar a chegada da primavera e conmemorar o Día Internacional do Circo, que ten lugar uns días antes; e por outra en agosto, como todos os veráns desde hai xa nove edicións.
Cidade Imaxinaria Primavera consiste nunha tarde de sábado familiar, ao aire libre e de balde, que durante catro horas ininterrompidas ofrece xogos e espectáculos para mergullarse na ilusión e fantasía do circo. Así, malabaristas, trapecistas, equilibristas, saltimbanquis e clowns conquistarán todos os recunchos da Cidade da Cultura, compartindo espazo e programación con xogos de enxeño, teatro de rúa e instalacións de gran formato que transportarán aos máis pequenos e pequenas a un mundo soñado de maxia e fantasía.
Xogos, espectáculos e circo
Entre as 16,00 e as 20,00 horas os espectáculos sucederanse en diferentes puntos dos exteriores da Cidade da Cultura, que acollerán funcións de novo circo, clown, malabares e espectaculares coreografías con acrobacias aéreas para cortar o alento. Divertidas actuacións itinerantes cheas de cor completarán a programación da tarde.
Nunha cita que chega só uns días despois da celebración do Día Internacional de Circo, non faltará tampouco a xa tradicional Escola de Saltimbanquis da Cidade Imaxinaria. Con catro espazos onde a cativada poderá deixar saír sen medo o intrépido acróbata que todo neno leva dentro: zona de malabares, zona acrobática, zona de aéreos e zona de equilibrios.
Os exteriores do Gaiás acollerán tamén vistosas instalacións que inclúen altas esculturas de formas imposibles e cores de fantasía, xogos de enxeño creados a partir de materiais de refugallo e un labirinto de paredes de cor, repleto de encrucilladas e corredores con adiviñas visuais e probas de habilidade. Un espazo sensorial para bebés de 0 a 3 anos completa a oferta de ocio familiar desta Cidade Imaxinaria Primavera.
Nesta tarde de sábado o Gaiás acollerá tamén zonas de lecer para tomarse un descanso ou repor enerxías con postos de bebida e petiscos doces e salgados. Ademais, contarase con reforzo no servizo de autobuses que se suman ás habituais liñas 9 e 11, que conectan o Gaiás co centro de Compostela para facilitar que as familias se acheguen a esta xornada festeira.