Brión, 7 de xuño do 2019 – O alumnado da Escola Municipal de Música de Brión celebrará hoxe a súa Noite en Branco da Magariños, ofrecendo un total de cinco concertos noutros tantos edificios públicos do concello entre as 22:00 e as 0:00 horas. Unhas actuacións, de asistencia libre e gratuíta, nas que tamén participará a Banda de Música Municipal de Brión.
Carlos Pintor, director da ESMU Magariños, explica que a iniciativa inclúe “cinco espazos e cinco concertos, cunha programación con moita variedade de estilos, agrupacións e tamén con intérpretes solistas ata sumar preto de 130 músicos. Este ano a novidade é que intentamos que todo xire en torno á carballeira de Santa Minia, polo que estaremos moi pendentes do tempo ata a última hora”. Actuacións duns vinte minutos nos que se interpretan pezas clásicas e modernas, que van acelerando o seu ritmo segundo vai avanzando a noite e se vai cambiado de escenario, todos eles na contorna da Carballeira de Santa Minia.
As actuacións comezarán ás 22:00 horas na Aula 2 da ESMU Magariños co concerto “Lento”; seguido ás 22:30 horas polo concerto “Adagio” o palco da música. Ás 22:45 horas terá lugar unha alborada na Carballeira, protagonizado por un dúo de gaitas e tamboril na carballeira de Santa Minia. Ás 23:00 horas chegará o concerto “Moderato” no adro de Santa Minia, dende onde se trasladarán ata o salón de plenos do Concello de Brión, onde ás 23:30 horas se celebrará o concerto “Allegro”. A “Noite en Branco da Magariños” pecharase ás 0:00 horas co concerto “Presstisimo” da Banda de Música Municipal de Brión na Praza do Concello (en caso de choiva, no auditorio do Centro Social Polivalente).
A “Noite en Branco da Magariños” está organizada pola Escola Municipal de Música Magariños de Brión, coa colaboración do Concello de Brión, a Deputación da Coruña e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A entrada a calquera destes cinco concertos é totalmente libre e de balde.