Padrón, 2 de outubro do 2017 – O CC Padronés puxo fin este sábado en Lugo a unha máis que brillante tempada que confirma a progresión que experimentou a entidade ao longo do ano así como o seu gran traballo coa base do equipo.
O fin de semana estivo repleto de actividade coa celebración do Trofeo Festas do Cristo en Porriño o venres e o Gran Premio Ciclista San Froilán en Lugo o sábado, engadindo sete podios máis ao seu extenso palmarés do CC Padronés.
O venres, en Porriño, o Cortizo-Anova acudía á cita con cadetes, juniors, elite e sub23. Destacable a actuación dos canteiráns cadetes que quedaron ás portas da vitoria logrando Miguel Mera o segundo posto e Manuel López o terceiro. En categoría elite, a mala sorte cebouse con Aser Estévez, que acudía á cita como líder da Copa Galicia con 11 puntos de vantaxe sobre o segundo (Luís Mariño, do Cambre-Caeiro) e unha caída mentres quentaba impediulle disputar a proba quedándose finalmente sen o título.
O sábado, todas as categorías inferiores do club Padronés acudían á última proba da tempada, o Gran Premio Ciclista San Froilán en Lugo, onde cinco representantes do Cortizo-Anova subiron ao podio. Os primeiros en facelo foron Nicolás Puga, que se impuxo na categoría promesas masculino e Aloa Branco, vencedora en principiantes feminina. En categoría infantil, Laura Tenente unha vez máis subiu ao terceiro caixón do podio. E en categoría cadete, Pablo Lueiro e Miguel Mera completaron o botín cun segundo e terceiro posto respectivamente.