Padrón, 29/07/2026 – O servizo de axuda no fogar, SAF, é unha das principais prestacións sociais dos concellos. Chegou timidamente hai uns anos e converteuse en algo imprescindible que por pura lóxica só pode crecer.
O debate sobre o financiamento do SAF está sempre sobre a mesa, a lei ten o grado suficiente de ambigüidade como para que a Xunta poida decidir canto aporta deixando aos concellos cun problema serio.
O caso de Padrón é dos máis inusuais que un pode atopar xa que catro empresas distintas prestan o SAF na vila. O Partido Popular explica que iso conleva “importantes limitacións organizativas” e por iso presenta unha moción pedindo a licitación e adxudicación do servizo antes de que remate o mandato.
O voceiro popular, Ángel Rodríguez Conde, resalta que é unha petición “sensata e viable, sempre e cando haxa vontade política”. O concelleiro popular engade, sobre o feito de que catro empresas presten o servizo, que, por exemplo, “a distribución das novas altas entre as empresas está a dificultar unha planificación global dos recursos, ao tempo que condiciona a organización do traballo e limita a consolidación de xornadas laborais estables para as traballadoras”.
Rodríguez Conde estima tamén que esta coincidencia simultánea de varias empresas “incide na calidade do servizo que perciben as persoas usuarias do SAF, xa que, ao tratarse dunha atención tan sensible, require estabilidade dos equipos profesionais, coordinación e unha planificación axeitada, homoxénea e eficaz”.
Para o voceiro popular, na actualidade “danse as circunstancias axeitadas” para poder licitar e adxudicar o SAF, xa que nos últimos meses produciuse un cambio moi relevante no contexto económico e financeiro deste servizo grazas ao acordo acadado entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), que permitiu incrementar de forma progresiva a achega autonómica ata alcanzar os 18 euros por hora no ano 2028.
O Popular di que “Este novo escenario económico ofrécelle aos concellos unhas condicións moito máis favorables para elaborar uns pregos sólidos, economicamente viables e adaptados á realidade actual do servizo”.
Por último, Ángel Rodríguez Conde reclama que durante a fase de elaboración dos pregos técnicos e económicos o goberno local abra un proceso de diálogo entre os servizos municipais, a representación legal das persoas traballadoras e os demais axentes implicados para “preparar un expediente rigoroso que evite as incidencias que truncaron os anteriores intentos de licitación”.
