Teo, 11 de xuño do 2021 – Segundo fin de semana consecutivo de manifestación en Compostela e si o pasado foi en contra do modelo eólico este tócalle a canteira da Casalonga en Teo.
A Plataforma Casalonga Limpa de Residuos convoca á veciñanza este domingo 13 de xuño a camiñar desde a Canteira ata a Alameda de Compostela e desde alí a Quintana. O risco de instalación dun vertedoiro encuberto é a primeira preocupación do colectivo é o que os obriga a sair a rúa de novo.
Restauración
A manifestación ten como obxectivo conseguir a restauración da canteira da Casalonga conservando a lagoa existente. A protesta vai dirixida a catro organismos moi concretos que, explican desde a Plataforma, “son aqueles que poden conseguilo: Ao Parlamento español aprobando unha modificación do decreto 975/2009 sobre rehabilitación de espazos mineiros. Ao Parlamento galego limitando os usos do solo rústico. Á Dirección Xeral de Minas facendo realidade unha caducidade mineira que xa debera ter sido declarada. Á Dirección Xeral de Medio Ambiente declarando o espazo da lagoa como protexido e instando á empresa a retirar todos os residuos xa existentes nos seus terreos”.
A mobilización comeza ás 8:30 da mañá na pista da canteira da Casalonga. Lugar escollido por ser o epicentro do problema pero tamén para deixar constancia da titularidade pública da pista que Toysal reclama como súa. Dende alí percorrerán, uns en bici e a maioría a pé, o camiño portugués, camiño que quedaría completamente estragado cun vertedoiro ao seu carón.
Ás 12h chegarán á Alameda, lugar onde se xuntarán coas demais persoas convocadas á manifestación (a plataforma pon a disposición da veciñanza un servizo de autobuses gratuítos para facilitar o desprazamento dende a Casalonga).
Tras a instalación dunha pancarta na Alameda, a manifestación arranca ás 12:30 en dirección á Porta Faxeira, continuarase pola Praza do Toural, Rúa Nova, cruza a Rúa de Xelmirez ata Rúa da Conga e seguidamente entrada na Praza da Quintana, onde se rematará coa lectura dun manifesto.