A Asociación de Antigos Tunos Composteláns está a gravar un documental sobre o Museo Casa da Troia, que pretende propoñer un roteiro turístico-cultural polos espazos que aparecen na novela de Pérez Lugín
Santiago de Compostela, 16 de novembro do 2016.- A Asociación de Antigos Tunos Composteláns, entidade que xestiona a Casa da Troia, está a gravar un documental sobre o museo. Esta iniciativa enmárcase nas actividades conmemorativas do centenario da primeira edición da novela “La Casa de la Troya”, que levaba unha cuberta ilustrada por Castelao. Está patrocinado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; o Concello de Santiago; a Deputación da Coruña; Bodegas Terras Gauda; e o restaurante compostelán Bierzo Enxebre. Da realización encárgase Arraianos Producións.
Tal como explica Benigno Amor, presidente da Asociación de Antigos Tunos Composteláns, “pretendemos ofrecer unha visión actualizada da Casa da Troia. O documental é un percorrido audiovisual moi dinámico para ver a evolución da cidade de Compostela dende os tempos da Casa da Troia ata a actualidade”. Para iso botarase man de diversas testemuñas, contrapoñendo imaxes históricas de Santiago, extraídas da versión cinematográfica da novela filmada en 1924 por Alejandro Pérez Lugín, coas localizacións das entrevistas en espazos actuais.
No documental altérnase un plano de ficción, a través da ánima dun estudante da Casa da Troia que percorre Compostela acompañado dun neno; cun plano de realidade, que aportan as testemuñas de diversas persoas vencelladas a Compostela e ao Museo da Casa da Troia. Entre estas testemuñas destacan figuras como o actual presidente da Real Academia Española, Darío Villanueva; o ex-alcalde Xerardo Estévez; Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro; a profesora compostelá Encarna Otero; Suso Couceiro, da Libraría Couceiro; Waldo Caamaño, compostelán afincado en Madrid que estudou en Santiago; e Xosé Mª Fonseca, presidente de Terras Gauda e ex-tuno.
O documental busca divulgar o patrimonio literario, musical e arquitectónico da Compostela de finais do século XIX e comezos do XX. E, ao mesmo tempo, pretende propoñer un roteiro turístico-cultural polos espazos físicos que aparecen na novela de Pérez Lugín, con referencias a lugares e persoeiros clave do seu tempo.
O documental, do que se está a rematar a súa rodaxe, está dirixido por Aser Álvarez e producido por Benigno Amor. Do guión ocúpanse Benigno Amor, Aser Álvarez e Suso Martínez. A gravación das imaxes estana a realizar Plácido Romero e Mariana Romero, xunto ao fotógrafo Nacho Santás. Da dirección musical encárgase Fernando Reyes, director do Grupo de Pulso e Púa da Casa da Troia. E o técnico de son deste proxecto é Xurxo Pinheiro.