A proposta da ministra Celaá de convertir os ximnasios en aulas para o próximo curso reduce á infancia e á adolescencia a unha cabeza sen corpo
O sedentarismo ao que se está a someter á infancia e á adolescencia durante a pandemia do Covid-19 alcanza uns niveis preocupantes para a saúde física e emocional dos nosos menores.
O profesorado de E.F. recibimos con estupor o comunicado da ministra Celaá, quen da a entender que a necesidade de movemento na infancia e adolescencia é secundario.
Teo, 22 de maio do 2020. Coñecer as recomendacións para o próximo curso da ministra Celaá para convertir os ximnasios en aulas e sentir como o meu corpo se estremecía foi todo un. Primeiro como nai de un neno e unha nena que cursan primaria, pois a imaxe deles aguantando unha xornada de 5h de clase diaria na súa aula sen apenas marxe de movemento paréceme unha tortura á que pouca rapazada será capaz de aguantar sen problemas emocionais derivados dela; e segundo, como profesora de E.F. de secundaria, porque os meus coñecementos sobre a necesidade do movemento na infancia e adolescencia fan que defina, con todos os meus respectos, como “barbaridade” as instrucións da ministra.
As cifras oficiais din que entre o 25 e o 30% dos nenos galegos teñen sobrepeso e entre o 12 e o 16% son obesos. Tamén di que un de cada catro non realiza ningún tipo de actividade física fora do horario escolar e que, de media, se pasan sentados algo máis de catro horas ao día diante dunha pantalla. E isto era antes da chegada da pandemia, agora imaxino que os datos serán realmente alarmantes.

Dúas horas de educación física á semana xa non eran antes suficientes para contrarrestar os 60 minutos ao día que recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS) de exercicio sostido, moito menos o serán agora que o sedentarismo apoderouse desta nova forma de vida ao que estaremos sometidos.
Como profesora de E.F. sei que se poden desenvolver as clases con garantías. O COLEF, Colexio de Lincenciados en Educación Física, acaba de constituír un grupo de profesorado que traballará para poder impartir clases de E.F. con seguridade. A intención é poñer este grupo de traballo á disposición da Consellería de Educación.
E agora volve a miña preocupación como nai. Se as clases de E.F. non se poden dar nos centros non sei que vai a ser dos recreos! Creo que hai opcións. Non podemos conformarnos con eliminar dun plumazo toda actividade física na xornada lectiva. Só hai que deixarse aconsellar por profesionais expertos na materia.
Norma Pillado Ordóñez
Profesora de E.F. no IES Manuel García Barros de A Estrada