Son nai dun neno de 4 anos con autismo. Hai un ano(28/11/2017) acudín a un comercio de Milar Electrodomésticos, concretamente Milar Milladoiro, en busca dunha secadora para o meu fillo xa que non controla esfínteres e mancha moita roupa ao día.
O vendedor aconselloume e vendeu unha secadora por importe de 579€. Supostamente secaba a roupa en 1 hora aproximadamente e tiña un tambor de 8 kg de capacidade. Pagueina na tenda crendo as indicacións do vendedor e cando ma entrega na vivenda e podo ter acceso ao manual do usuario, doume conta que en realidade tarda 4 horas en secar a roupa.
Chamo pola mañá ao vendedor e dime que si, é certo, pero que non me vai devolver o diñeiro. Pedinlle a folla de reclamacións e non a quixo encher cos seus datos. Tiven que recorrer á policía local de Ames e o vendedor insistiu en que tivo anteriormente outras follas de reclamacións e que non tiña que cubrir os seus datos. Ante esta contestación, a policía pasa a informarlle directamente da sanción e é cando accede a cubrila.
Unha vez presentada no Instituto Galego de Consumo a folla de reclamacións o vendedor respondeu que non se adhería á arbitraxe (en consumo infórmanme que esta cadea de electrodomésticos en concreto non está adherida á arbitraxe). Non estar adherido é unha forma de impedir o procedemento de resolución dunha reclamación formal sen chegar aos xulgados. Aínda así hai empresas que ,sen estar adheridas, acaban por adherirse para resolver reclamacións en casos determinados.
Deixándome este establecemento local sen ningunha opción para poder reclamar en consumo, póñome en contacto co Colexio de Avogados de Santiago no que me indican que non se asigna avogado de oficio por importe inferior a 2000€. Pagar un avogado non compensa xa que suporía seguir perdendo do meu diñeiro e a iso acóllense este tipo de vendedores para non perder o diñeiro que conseguiron co engano xa que gran parte dos consumidores réndense.
Acudín a informarme aos xulgados e explícanme de que hai unha opción para resolver xudicialmente este suceso e é a través dun xuízo verbal presentando unha demanda sucinta que permite reclamar importes por contía inferior a 2000€ e acudir sen avogado e procurador á vista xudicial. E así actuei.
Tras un ano de espera, esta semana saíu a sentenza (non cabe recurso de apelación)onde se me estima a demanda e danme a razón.
O que quero con isto é alentar aos consumidores de que:
1) Existen comercios co logotipo de ” comercio seguro” que os converte nun comercio responsable. É un logotipo amarelo no que aparece escrito: local adherido á xunta de arbitraxe.
2) Existen formas de reclamar aos comercios sen avogado e procurador como son a presentación de demanda sucinta para un procedemento de xuízo verbal. Aínda que sexa duro o proceso e unha solución. No século XXl atopámonos indefensos ante un vendedor dun establecemento local que enganou para vender un produto.
Que non se desanimen como me ocorreu a min ao principio de todo este longo proceso. Consumo non é a única vía de solución a reclamacións.
Paula González, Ames