O motivo da presente carta e denunciar a admisión de documentos contrarios a lexislación vixente no proceso de selección da escola infantil da rede Galiña Azul en Rois. Como resultado de estas irregularidades a miña familia leva dous cursos tendo que desprazarse durante unha hora a un concello limítrofe (Dodro) para que a nosa filla poida acudir a unha Galiña Azul.
O día 11 de maio do 2017 comunícaselle a Rede de Escolas Infantís Galiña Azul que un dos nenos que obtén praza en Rois entrega un documento que non cumpre a lexislación vixente. A lei de empadroamento obriga a empadroarse no municipio onde se re reside ou, en caso de existir varios, no que se pase máis tempo. Ademais de informar de esta incidencia reclámase o padrón municipal ao concello de Rois e entrégaselle copia a Rede de Escolas. A familia que obtén a praza comenta abertamente, incluso á propia escola, que NON son residentes no concello.
Esta denuncia non recibe ningunha resposta oficial ata máis dun ano e medio despois, o 31 de xaneiro do 2019 e despois de varios escritos máis (de todos eles existe copia selada). Ao longo de ese ano e medio mantivéronse eses incumprimentos pese á denuncia presentada e sen comunicarnos nada no que ia sucedendo.
Según puidemos saber no Consello Escolar de 24 de maio do 2017 aceptárase un certificado de empadroamento pese a existir unha reclamación oficial e a declaración da familia de residir fora do concello. Isto sucedeu nun concurso público e non se nos dou a posibilidade de alegar nin se nos explicaron as razóns. Ante unha situación denunciada como ilegal a Rede o que fai e dala por resolta coa publicación dunha lista definitiva, o que non pode sustituir en ningún caso a unha resposta oficial á reclamación presentada. Unha pasividade absoluta sen ningunha comprobación, barra libre para resolver como consideran, sen xustificación de ningún tipo.
Pese ao explicado nin a Rede de Escolas, nin a “A Auditoría de Xestión do Rendemento e Calidade”, ni “A Oficina de Defensa das Persoas Usuarias de Servizos Públicos” ni a “Consellería de Política Social” consideraron importante o sucedido e deron por suficiente xustificación a contestación da Rede de Escolas. Non se tomou ningunha medida para comprobar a veracidade dos feitos. Dalles igual que as prazas sexan ocupadas por persoas que non teñen dereito a elas… os seus fillos non son os prexudicados. O único que recibimos cando denunciamos indicios de engano ou trampa é silencio. Non existe ningunha medida de control.
En novembro pasado presentamos queixa no rexistro da Xunta de Galicia e só entón conseguimos recibir a resposta no pasado mes de xaneiro. É vergoñento como unha entidade pública non ten que dar ningunha explicación aos usuarios e só cando a queixa chega a instancias superiores é cando se poñen diante dun ordenador para respostar do seu xeito de actuar.
Queremos denunciar o mal funcionamento e a desidia das institucións. Parécenos esaxerado o xeito no que a administración mira cara outro lado cando se presentan reclamacións que son contrarias ao ordenamento xurídico nacional.
Xosé Antón Pacheco