A veciñanza das aldeas amesás comprendidas entre o Ortoño e a fronteira con Compostela recibimos un agasallo de Nadal moi desagradable: o día 23 de decembro quitáronnos o principal autobús que nos unía con Compostela, a liña P2.
Máis dunha ducia de lugares, sumando máis de 1.600 habitantes, perdiamos así 2 de cada 3 buses que tiñamos para desprazarnos á capital e facer as nosas compras, ir traballar ou asistir a clase. Xa só nos queda a liña Extramundi-Estación de Autobuses, con moitas menos frecuencias, e ademais cambiadas sen previo aviso, para maior fastidio de toda a xente usuaria.
Aquel día numerosas persoas agardaron nas paradas, baixo o frío e a choiva, sen que ninguén as avisara de que o bus xa non ía pasar por alí. Non soamente as administracións responsables (Concello de Santiago en primeiro lugar, pois é unha liña urbana de TUSSA, pero tamén o de Ames e a Xunta de Galicia) non avisaron á veciñanza nin procuraron antecipadamente solucións alternativas para non deixar tanta xente tirada, senón que agora que iniciamos as mobilizacións de protesta e a recollida de sinaturas, e a denuncia ante a prensa, botan os uns a pelota aos tellados dos outros, lavan as mans e escúdanse en razóns económicas para non repoñeren o servizo.
Aparte de seren dubidosas esas razóns alegadas (Seica en Compostela tomaron os datos do ano da pandemia para estimar as supostas “perdas” da liña? Seica o concello de Ames non ten superávit e pode axudar paliar o déficit que poida ter a liña? Seica a Xunta non ten fondos para financiar o transporte público interurbán e metropolitano?), desde cando o criterio da rendibilidade económica é o único ou o principal para soster os servizos públicos? En que se diferencia dunha empresa privada unha administración pública que decide suprimir unha liña de autobús porque “non dá cartos”? Acaso non hai outras liñas plenamente rendibles que achegan cartos suficientes para compensar as perdas doutras? E aínda que TODAS fosen deficitarias, seica non temos dereito á mobilidade como temos dereito á sanidade pública, á educación pública, etc? Todos eles son servizos deficitarios per se, pero que se ofrecen ás costas dos ingresos xerais do Estado porque fan falta, porque para iso pagamos impostos e porque son un dereito que temos como cidadáns (e tamén as e os aldeáns!).
Moito enchen a boca estas administracións falando da “descarbonización” e da “mobilidade sustentable” cando o activismo ecoloxista e a ciencia lles reclaman que actúen ante o caos climático e en previsión do inevitable esgotamento do petróleo, pero despois, na práctica, quítannos autobuses e obrigan á xente a coller cadanseu coche privado, ou a pagar un taxi ou a perder moitas horas buscando combinacións douros buses para poder ir traballar a Compostela ou facer unha compra na praza de Abastos ou ir á Universidade. Falamos de xente nova, de mediana idade e moita xente maior, da Moniña, de Framil ou de Ortoñiño, por exemplo. Non, este non é camiño, así que sexan coherentes, Sres. responsables públicos, cumpran co seu deber de atender as necesidades da xente á que deben servir e busquen un acordo que permita retomar esta liña que levaba décadas comunicando moitas aldeas de Ames coa nosa cidade veciña.
Manuel Casal Lodeiro