Bisbarra, 18 de marzo do 2022 – Onte era presentado un anteproxecto de carril bici que uniría Compostela e Ames, comunicando as rotondas de Volta do Castro e de entrada ao Milladoiro.
O anteproxecto de carril bici propón unha plataforma de dobre sentido cun ancho mínimo de 2,5 metros. Para levala a cabo reduciríase o ancho dos carrís destinados aos vehículos. A senda iría paralela á SC-20 no tramo comprendido entre a rotonda de Vidán e a Ponte da Rocha. Nesta ponte bifurcaríase en dous itinerarios, un polo lado dereito da estrada (en sentido O Milladoiro), máis longo, pensado para as familias ou para momentos de ocio; e o outro polo lado esquerdo, máis curto, pero máis rápido. O proxecto tamén contempla un desvío cara o barrio de Conxo.
Na presentación, no concello de Santiago, participaron o alcalde de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo; o de Ames, Blas García; o concelleiro de Barrios e Obras de Compostela, Javier Fernández; e a concelleira de Mobilidade de Ames, Beatriz Martínez.
Ideas sen financiamento
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, subliñou que para financiar este proxecto buscaríanse fondos europeos. Tamén amosou non ter “inconveniente” en que a obra a faga a Xunta de Galicia. Sería, engadiu, unha forma de sumar esforzos entre todos, para eliminar os problemas de mobilidade no que cualificou como “a gran barreira co Milladoiro”, que supuxo a construción do periférico. Para o rexedor, trátase dun proxecto necesario, pero complexo, que habería que tratar co Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, e coa Xunta.
Borja Verea, PP, “unha presentación ridícula”
O presidente da Xunta xestora do Partido Popular de Compostela cualificou a presentación, en declaracións á Cadena SER de ridícula
“que eviten ridículos anunciando proxectos como o de hoxe. Un carril bici Santiago Milladoiro, un proxecto no que non cren, que está xa anunciado, que ten xa o seu financiamento e que xa está en marcha por parte da Xunta de Galicia”.
O certo é que en novembro pasado Verea aseguraba que reclamaría da Xunta de Galicia que se destinaran fondos europeos a un carril bici entre o Milladoiro e Santiago. O líder popular xa falab en aquel momento de contemplar o carril bici como unha alternativa a SC-20 pero engadía ademais outros itinerarios en Compostela “temos un proxecto para a creaciónón de 8 itinerarios de carrís-bici que sumarían 47km e conectarían puntos estratéxicos da cidade, como a conexión do Campus Norte e o Campus Sur, ou a Estación Intermodal e San Caetano coa Cidade da Cultura”
Unha promesa da Xunta no 2015
Tanto Ames como Santiago levan falando coas asociacións de ciclistas e os veciños varios anos. A unión real, peonil e ciclista, entre o Milladoiro e Compostela chega tarde porque hai moito tempo que a veciñanza fai o percorrido asumindo os riscos do tráfico. ë moi común ver xente a pe ou en bici entre Ames e Compostela.
A idea de sendas ou carrís bicis e vella. Destinar fondos europeos a ela tamén. No ano 2015 a Xunta de Galicia licitaba a redacción dos proxectos nas estradas autonómicas da comarca. Era un inbvestimento de cen mil euros que serviría para definir un investimento de 28 millóns que sairían do orzamento comunitario 2014-2020. (https://www.xunta.gal/hemeroteca/-/nova/040730/xunta-licita-redaccion-los-proyectos-sendas-peatonales-carriles-bici-ejecutar?langId=gl_ES)
Sete anos despois seguen presentándose proxectos e ante proxectos pero polo momento o carril bici ou a senda peonil entre Milladoiro e Compostela segue sendo só unha proposta de boas intencións.