Lalín, 15 de maio do 2019 – Onte presentouse a Carreira solidaria nocturna “O Mencer Lalín” que se celebra o sábado, día 25, organizada polo Club Atletismo Deza e a Asociación O Mencer, en colaboración co Concello de Lalín.
O 100% da recadación desta proba vai destinada á Asociación de Voluntariado O Mencer, que xestiona o banco de alimentos na comarca do Deza e que precisa axuda urxente de todos e todas para sanear as súas contas. É po iso polo que dende o Concello de Lalín se anima a participar a toda a cidadanía nunha carreira que ademais conta con probas deseñadas para todas as idades e cun circuíto urbano en categoría absoluta apto para todos os niveis e cunha distancia de 6 quilómetros.
Os organizadores sinalan que haberá moitas sorpresas e dentro do evento tamén se celebrará a “carreira da visibilidade”. Trátase dunha proba organizada en colaboración con diferentes colectivos locais destinada a corredores adultos e infantís con diversidade funcional que terá lugar dentro da carreira solidaria. O obxectivo desta proba é o de darlle visibilidade e recoñecemento á discapacidade. As inscricións en categoría absoluta teñen un prezo de 5 euros, destinados integramente a O Mencer, mentres que as demais probas son de valde. Os corredores deben apuntarse na páxina web sportmaniacs.com antes do día 23 de maio.
A entrega de dorsais realizarase o propio día da carreira a partir das 19.00 horas, nas inmediacións da zona de saída, que se sitúa no Quilómetro Cero. As probas escolares comezarán ás 20.30 e a absoluta ao finalizaren estas. Ao finalizara a carreira terá lugar a entrega de trofeos e haberá sorteos e agasallos.