Silleda, 19 de xuño do 2018 – A Fundación Baiuca Verdescente e o Concello de Silleda volverán a colaborar na Carreira Solidaria do Románico o próximo 22 de xullo.
A cita ten como obxectivo promocionar o Románico e poñer en valor o patrimonio cultural e arquitectónico da zona. A proba terá dúas modalidades, unha carreira cronometrada e unha andaina, con paradas en distintos puntos de interese.
Co que se recade por parte dos patrocinadores e participantes, a Fundación Baiuca Verdescente desenvolverá unha nova edición do Programa IDE (Investiva, Debate, Educa) Silleda, coa participación de mozos e mozas da comarca. Así mesmo esta cita solidaria reverterá na mellora do patrimonio cultural.
“Dende o Concello agradecemos a iniciativa da Fundación Baiuca Verdescente, que ten como obxectivo a promoción fomento e difusión da nosa cultura, e en especial dos aspectos relacionados co Camiño de Santiago e o Románico”, explica a concelleira de Cultura, Turismo e Deportes, Ana Luisa González, que mantivo un encontro con membros da organización do certame e técnicos municipais para perfilar os detalles do evento.
Con esta iniciativa a fundación que preside a silledense Nieves López Neira volve apostar por Silleda logo da exitosa celebración da I IDE Silleda, na que participaron estudantes do municipio o mes pasado.
