Compostela, 20/04/2026 – O Ateneo proxecta «Captain Fantastic» e «Abel» na segunda semana de cineduca. Con estas proxeccións continúa coa V Mostra Internacional de Cinema e Educación (CINEDUCA).
As sesións terán lugar o martes 21 e o mércores 22 de abril, respectivamente, ás 19.00 horas Rúa do Vilar, 19, e contarán coa presentación e comentario de Ana Moreiras e Mar Lorenzo respectivamente.
Captain Fantastic (Estados Unidos, 2016) propón unha reflexión sobre os límites e posibilidades da educación alternativa a través da historia dunha familia que vive illada na natureza, afastada do sistema e das normas sociais convencionais.

A segunda película que propón o Ateneo, Abel (México, 2010), aborda a complexidade das dinámicas familiares e o impacto da ausencia paterna a través dun neno que, tras saír dun centro psiquiátrico, asume un rol inesperado no fogar. Ambas as dúas propostas dialogan coas relacións entre educación, contorno e estrutura familiar, e permiten abrir un espazo de debate arredor destes temas.
A sesión do martes será presentada por Ana María Fernández Moreiras, profesora de Tecnoloxía no IES A Cachada de Boiro e promotora do festival audiovisual escolar Olloboi, recoñecido pola Academia Galega do Audiovisual. Ademais da súa traxectoria docente, desenvolve un labor creativo como autora de banda deseñada e colaboradora en proxectos de ilustración.
O mércores intervirá María do Mar Lorenzo Moledo, decana da Facultade de Ciencias da Educación da USC e catedrática de Pedagoxía, cunha ampla traxectoria investigadora en ámbitos como a educación intercultural, a pedagoxía social e a aprendizaxe-servizo, con máis de setenta publicacións científicas e unha extensa experiencia institucional e académica.
