Ames, 28 de maio do 2019 – Xoán Curiel e Charo Pita renderán homenaxe a Antón Fraguas en Ames co seu espectáculo Canta miña pedra, canta; a cita este venres a partir das seis da tarde na Casa da Cultura de Bertamiráns.
Canta miña pedra, canta combina cancións, elementos teatrais e de narración oral e moita interacción co público. O espectáculo, que homenaxea a figura de Antón Fraguas, chega a Ames no marco do programa FalaRedes 2019, da Xunta de Galicia, que ten como obxectivo promover o uso e a valoración do galego nos concellos que pertencen á Rede de Dinamización Lingüística.
O espectáculo corre a cargo de Xoán Curiel, que pon música a algunhas das cantigas recollidas por Antón Fraguas na súa obra compilación “Cantigueiro de Cotobade”, ademais da interpretación de varias cancións propias inspiradas na obra e vida do autor pontevedrés.
Charo Pita, pola súa banda, enriquece a actuación cunha mostra de distintos contos populares galegos, extraídos do libro O fillo do rei e outros contos populares galegos, co obxectivo de achegar a rapazada a este ámbito da cultura. Ao remate da sesión, o público asistente recibirá un exemplar desta pequena antoloxía de narracións tradicionais de Galicia escolmadas por Quique Harquindey e Maruxa Barrio. Mediante este agasallo, búscase que os e as asistentes sigan afondando trala actuación na lectura en galego e no coñecemento do patrimonio lingüístico e literario propio.