Padrón, 23 de febreiro do 2022 – A Xunta de Galicia ven de aprobar de xeito definitivo o proxecto de campus tecnolóxico da empresa Cortizo.
O proxecto sectorial ten carácter supramunicipal e declárase de utilidade pública. Cando sexa aprobado o proxecto de urbanización o Campus de Cortizo terá un prazo de execución de dous anos.
400 postos de traballo
O campus tecnolóxico de Cortizo situarase nunha parcela entre os concellos de Rois e Padrón. Trátase dunha das oito iniciativas empresariais prioritarias declaradas pola Xunta. Supón un investimento de 40M€ e a creación de 400 postos de traballo.
Cortizo á cabeza do deseño en aluminio
O Campus tecnolóxico de Cortizo será un centro punteiro no deseño de sistemas de aluminio e PVC. A construción constará de tres edificios centrados na investigación.
Con esta actuación, Cortizo ampliará en máis dun 30% as instalacións que a empresa ten localizadas nun polígono próximo. O obxectivo principal é adquirir novos coñecementos que permitan seguir crecendo no ámbito internacional.