Ames, 3 de maio do 2018 – O salón de plenos da Casa do Concello acolleu a presentación da sétima edición do Campus de Fútbol do Bertamiráns FC. A presentación correu a cargo do alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, do presidente do equipo, Rafael Budiño, ademais do secretario técnico de fútbol base do Bertamiráns FC, Sergio Penas.
O Campus de fútbol do Bertamiráns conta co patrocinio do Concello de Ames e está dirixida a nenas e nenos de entre 5 e 14 anos. Desenvolverase nas instalacións do campo de fútbol municipal de Bertamiráns, entre o 25 e o 29 de xuño, en horario de 09:00h a 14:30 horas. Como novidade este ano incluirase a realización de xogos populares. Toda a información sobre o custo, os descontos aplicables e os impresos de inscrición pódese atopar na páxina web do club amesán www.bertamiransfc.com, así como no seu perfil de Twitter.
O encontro dividirá ás crianzas participantes en grupos organizados por idades. Incluirá desenvolvemento específico para porteiros e para xogadores de campo divididos por defensas, medios e dianteiros. Malia isto, todos traballarán de xeito individual tanto o aspecto táctico como o apartado técnico, coa abordaxe de diversos aspectos do xogo (condución, control, pase, caneos, desmarques, entradas, marcaxes…), a visualización de vídeos e a posta en práctica de todo o aprendido a través da participación en diferentes competicións. Este aspecto formativo combinarase con diversas actividades de lecer como a piscina ou a realización de xogos populares, a grande novidade deste ano.
Durante a presentación, o alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, quixo agradecer ao club aurinegro o seu compromiso co deporte de base, así como a súa aberta disposición a colaborar co Concello na organización de diferentes eventos deportivos: “Este mércores facemos unha nova convocatoria deportiva coa presentación da sétima edición do Campus de Fútbol Bertamiráns FC; unha iniciativa que, ademais de ser unha alternativa de ocio para as nenas e nenos amesáns, tamén supón un servizo de conciliación para as familias do concello. O Campus do BFC súmase así a oferta de campamentos de verán e campus deportivos ofertados en Ames para as máis cativas e cativos durante os meses de verán”. O secretario técnico de fútbol base do Bertamiráns FC, Sergio Penas, apuntou asemade á elevada participación que se espera para esta sétima edición do campus: “Neste 2018, agardamos superar a afluencia do ano pasado, que foi récord, coa participación de 102 nenas e nenos. Desde o Club temos unhas expectativas positivas, xa que ano tras ano o Campus goza dunha maior aceptación entre as nenas e nenos do propio club e mesmo doutros da contorna”. Á presentación tamén asistiu o presidente do Bertamiráns FC, Rafael Budiño.