A Estrada, 8 de xullo do 2021 – A Asociación da Rapa das Bestas de Sabucedo organiza unha xornada de sensibilización o vindeiro sábado 10 de xullo.
A Rapa das Bestas convoca a todos aqueles que estean interesados en facer un percorrido polo monte onde viven durante todo o ano os animais. Nun ano normal os cabalos serían os protagonistas, o fin de semana pasado, da Festa de Interese Turístico Internacional.
A andaina sairá do teleclube de Sabucedo ás 9h. Proponse para esta actividade, o recoñecemento visual das greas, dende distancia, para o que se recomenda o uso de prismáticos. Visitaranse tamén os diferentes petróglifos , mámoas,… camiñando entre fermosas carballeiras que conforman o monte.
Dende a Asociación reconméndase que a xente acuda con roupa cómoda, de sendeirismo; auga e algo para coller forzas a media mañá. Durante a ruta, os integrantes da Asociación falarán das diversas problemáticas que rodean ás bestas, como son o estado de abandono de boa parte do monte ou a instalación de parques eólicos que van modificar profundamente o hábitat dos cabalos.
Ao chegar de novo a Sabucedo, haberá pulpeiro no Campo do Medio e a xornada rematará coa actuación de Mofa e Befa ás 18h, enmarcada dentro da campaña de sensibilización proposta pola Asociación.
Recoméndase reserva previa no correo electrónico rapadesabucedo@gmail.com .