Bisbarra, 19 de abril do 2023 – O concello de Brión recibe esta fin de semana as XXXVI Xornadas de formación sobre cursos fluviais que organiza a Asociación Para a Defensa Ecolóxica de Galicia, ADEGA.

Esta xornadas forman parte do Proxecto Ríos, unha iniciativa de ADEGA que contempla distintas accións de posta en valor, coñecemento e mellora dos ríos. A xornada terá lugar no IES de Brión o vindeiro sábado, 22 de abril, dende as 10:00 ata as 14:30 horas. Desta volta achegarase á ilustración científica e á identificación de macroinvertebrados bioindicadores dos cursos fluviais.
A iniciación á ilustración científica correrá a cargo da ilustradora María Viñas, que relatará a súa traxectoria profesional e organizará un pequeno obradoiro práctico ás 10:30. Esta disciplina de carácter artístico e científico ten por obxectivo describir a natureza a través das técnicas do debuxo, a pintura, a ilustración ou mesmo a imaxe dixital. Trátase, pois, da parte visual que facilita o estudo científico.
Xa para as 11:30 da mañá está prevista unha saída ao río Pego, no propio Concello de Brión, e posteriormente regresarase ás instalacións do instituto para proceder á identificación dos macroinvertebrados no laboratorio.
Ás 14:30 clausurarase a xornada de formación.
O Proxecto Ríos
O Proxecto Ríos é unha iniciativa de Educación e Voluntariado Ambiental promovida por ADEGA e financiada por Augas de Galicia e o Instituto de Estudos do Territorio. A finalidade deste programa é dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos mediante as ferramentas que garantan a súa participación. Pódese consultar o programa completo en www.adega.gal .